O alcalde de Foz confirma que o brote está "concentrado" na súa orixe escolar

Fran Cajoto confía en que se estabilice"
Fran Cajoto, alcalde de Foz. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Fran Cajoto, alcalde de Foz. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, confiou en que se estabilice" o brote que afecta a 50 veciños do concello, a maioría alumnos da educación infantil do colexio do Cantel. De feito, este brote levou a que o comité clínico sitúe ao municipio mariñán nun nivel medio de restricións, a partir do sábado.

O alcalde confirmou que "o foco está concentrado nese colexio de educación infantil e primaria e todo o que leva asociado -pais, e algún irmán que non pertence a ese centro-". "Afortunadamente ese é o único foco, esperamos que se estabilice", incidiu.

Ver máis: As restricións aumentan en Foz e baixan en Monforte

Este municipio é o único da provincia de Lugo -só hai dúas en toda Galicia- que se incorpora ao nivel medio de restricións. Cajoto indicou, no entanto, que "aínda que as limitacións soben, non teñen unha gran incidencia na vida normal". "Pero si temos que ser conscientes de que un aumento a outro nivel de restricións si que sería moi prexudicial", sinalou.

"Temos que pedir precaución, o uso da máscara e distanciamento social. As aulas burbulla funcionan, así que as medidas están para cumprirse porque se ve que serven", demandou.

O alcalde de Foz calcula que son "sobre 50" os contaxiados, a maioría "están con sintomatología, pero non é grave e esperamos que siga así".

No colexio permanecen catro aulas pechadas, con todo Cajoto asegurou que "segue en funcionamento", porque "as medidas funcionan e o virus concéntrase nesas aulas". "Esta variante (da covid) transmítese con máis facilidade", recordou, finalmente, o rexedor de Foz.

Comentarios