O alcalde de Cervo, "satisfeito" coa adxudicación da planta de compostaxe de Sogama

Villares estimou que se poderán crear "entre cinco e dez postos de traballo directos e indirectos
Alfonso Villares, alcalde de Cervo. SEBAS SENANDE
photo_camera Alfonso Villares, alcalde de Cervo. SEBAS SENANDE

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, mostrouse "contento" e "satisfeito" coa adxudicación por parte de Sogama, por 6,4 millóns de euros, da planta de compostaxe de biorresiduos, que dará servizo a todos os concellos da Mariña.

"É unha infraestrutura necesaria porque cada vez hai que apostar máis pola reciclaxe de materias orgánicas. Estou moi satisfeito de que Sogama se decidise a facer a planta no polígono industrial do noso concello. É un investimento importante", celebrou en relación a esta instalación que se levantará no polígono industrial de Cuiña e ocupará 8.000 metros cadrados. 

Villares estimou que poderanse crear "entre cinco e dez postos de traballo directos e indirectos, ao mesmo tempo para o concello o feito de levar os residuos orgánicos a unha planta como esta vai ser moito máis cómodo e máis económico". 

"É unha planta que avoga por unha serie de condicionantes importantes, é unha planta onde se vai a reciclar o sólido, pero tamén todos cantos gases e lixiviados que se produzan na planta", subliñou. 

Non dubida que se trata "dunha boa noticia para o concello e para toda a comarca porque Cervo está situada nun enclave xeográfico que se pode considerar na metade da Mariña". 

Sobre a entrada en funcionamento da planta de compostaxe, Alfonso Villares calcula que podería ser "a finais deste ano ou principios do próximo".

DEBERES NA MESA. "Todos os concellos temos uns deberes encima da mesa e é que a materia orgánica que xeramos no noso caso temos que obrigarnos a reciclala", comentou. 

En concreto, esta planta dará servizo a 15 municipios da Mariña, ademais de Mañón, cunha poboación próxima aos 70.000 habitantes. Estes concellos son Cervo, Alfoz, Barreiros, Burela, Foz, Lourenzá, Mañón, Mondoñedo, Muras, Ourol, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove. 

Comentarios