O alcalde de Cervo chama a toda A Mariña a mobilizarse pola permanencia de Alcoa

Alfonso Villares afea ao Goberno central que non responda aos avisos da multinacional americana de que "os prezos da luz están moi altos"
Alfonso Villares. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Afonso Villares. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, fixo este martes un chamamento a todos os actores políticos, sociais, sindicais e empresariais da Mariña para mobilizarse pola permanencia de Alcoa en San Cibrao. Previamente, Villares afeou ao goberno central que leve un ano sen dar resposta aos avisos da multinacional americana de que "os prezos da luz están moi altos".

"Nese tempo somos todos coñecedores, o goberno e todos os sectores, sabemos que ese prezo (o da enerxía) está nunhas cifras que non pode estar e durante ese tempo non se deu solución", comentou. "Non é cuestión de expor escusas polo Goberno central porque non as hai, nin que estean en funcións nin que non estean en funcións", abundou.

Ante o "serio risco" de peche da planta de San Cibrao, Afonso Villares apelou a que "toda A Mariña" tense que "xuntar, sen ningún tipo de discurso político nin moito menos". "Eu creo que a reivindicación que temos que facer desde A Mariña é unha reivindicación da necesidade para a nosa vida, para o noso benestar de que esta empresa siga aquí durante moitos anos", proclamou.

O rexedor de Cervo considera que é preciso "visibilizar" a necesidade e dependencia da comarca da supervivencia da planta da multinacional americana do aluminio. "Que se vexa, e unha vez que se vexa (con mobilizacións) que se nos escoite por quen ten que escoitarnos que é o Goberno central", incidiu.

O perigo que se cerne sobre a factoría de San Cibrao, di o alcalde, é "algo máis que evidente" despois de que permanezan pechadas 32 cubas de electrolise, das máis de 500 que operan na planta lucense, e que se rebaixou a produción ata un 11 por cento.

VENDA. Villares descartou que con San Cibrao ocorra o mesmo que coas plantas de Avilés e A Coruña, que se venderon, xa que, deduce, "estes son casos distintos".

O alcalde de Cervo mostrouse convencido de que no caso asturiano e da Coruña a compra "non é para facer aluminio primario é para facer aluminio secundario e xa que logo os custos da enerxía son máis baixos". "E logo de dous anos, ese grupo investidor está claro que comprou as plantas de Avilés e A Coruña para facerse con chan industrial, porque están en zonas urbanas, un chan industrial moi apetecible e ese é o obxectivo e na Mariña, ese chan non ten ese apetito que poida ter un grupo investidor", sinalou.

"Aquí dependemos do aluminio e para que siga aquí o goberno ten que dar un prezo competitivo da enerxía como fixo durante os últimos anos e non sería unha excepcionalidade", concluíu Alfonso Villares.

Máis en A Mariña
Comentarios