O alcalde de Cervo asegura que a situación de Alcoa tras as eleccións é "peor"

Alfonso Villares sostivo que "o problema" de Alcoa "tíñase que amañar neste ano e medio que estivo a gobernar o PSOE"
Alfonso Villares. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Afonso Villares. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O alcalde de Cervo, o popular Afonso Villares, asegurou este martes que a situación da planta de Alcoa neste municipio mariñán, tras as eleccións do domingo e logo da vitoria do partido socialista, é "peor"

"Temos unha situación peor da que estabamos a semana pasada porque pasan os días e pasan as semanas e este problema non vén por mor das novas eleccións", sinalou Villares. 

O alcalde sostivo que "o problema" de Alcoa "tíñase que amañar neste ano e medio que estivo a gobernar o PSOE e o PSOE no goberno de Madrid non fixo o que fixeron o resto dos gobernos anteriormente en máis de 40 anos de historia desta empresa de aluminio na comarca (da Mariña), que foi apoiar á empresa a través un prezo competitivo da enerxía", manifestou. 

Así, afeou que non se puxo encima da mesa "ningunha solución" e igualmente trasladou con respecto ao executivo de Pedro Sánchez que "tampouco se lles viu intención algunha de solucionar este problema", de abaratar o prezo da enerxía que leva o 40% dos custos da planta de Alcoa e que é o principal contratempo para a supervivencia da planta. "Agora a incerteza é máis grande", alertou. 

"Eu animaría (aos dirixentes do PSOE de Lugo e Galicia) a traballar pola Mariña e pola súa provincia"

Ademais, criticou que "o borrador do estatuto de empresas electrointensivas nunca se mostrou, nin aos representantes sindicais, nin a ninguén da comarca da Mariña". "Non tería que haber escusas porque realmente o tempo segue pasando", lamentou. 

Villares aproveitou para avisar "aos representantes do PSOE de Lugo e de Galicia" e emprázalles a que "falen cos seus representantes de Madrid para que traballen neste asunto, un asunto de vital importancia". 

"Se non o fan e despois aparece unha decisión grave, evidentemente vai haber uns responsables moi claros de que o noso problema non se soluciona", apuntou. "Eu animaría (aos dirixentes do PSOE de Lugo e Galicia) a traballar pola Mariña e pola súa provincia, porque Alcoa é o auténtico motor da Mariña", concluíu. 

Comentarios