O alcalde de Burela denuncia que "algún partido fai campaña"

Un total de 630 persoas están chamadas a votar na mesa de Perdouro tras estimar o TSXG un recurso presentado polo partido Burela Sempre 
Alfredo Llano. AMA
photo_camera Alfredo Chairo. AMA

O alcalde de Burela en funcións, o socialista Alfredo Chairo, denunciou este venres que "hai algún partido que fai campaña interesada" para a repetición de comicios municipais que se celebra este domingo na mesa de Perdouro. 

En concreto, están chamados a esta cita un total de 630 persoas por orde do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que estimou o recurso presentado polo partido Burela Sempre por seis votos que foron declarados nulos e que poderían haberlle dado un edil a esta formación -quedou a un sufraxio de obter representación-. 

Neste contexto, o rexedor asegurou que o PSOE "non" celebrou ningún acto ao non haber campaña oficial", polo que -recordou- "non se poden organizar mitins, nin reservar locais" para ese efecto. 

No entanto, Chairo si afeou que "hai algún partido que fai campaña interesada. "Pero tampouco creo que lle vaia a dar un bo resultado", continuou, para despois suxerir que "hai que respectar as regras de xogo e, sobre todo, ter respecto polo adversario". 

Finalmente, o alcalde aínda en funcións fixo un chamamento á participación nesa mesa de Perdouro e estimou que se votan por encima do 70 por cento "xa sería unha boa cifra".
 
Tras os comicios deste domingo, Chairo calcula que a investidura se celebraría "para a ponte de decembro, o sábado 7, e despois o pleno organizativo". Por iso, considerou que ata mediados dese mes "non se vai a normalizar a situación". 

Ademais, puxo o foco en que o Concello "leva case seis meses e pico en funcións, o cal implica retardación", porque "non se poden tomar decisións de cousas importantes como poden ser os orzamentos, as taxas ou a RPT --relación de postos de traballo". 

ESCENARIO. O alcalde en funcións explicou que mentres que nas pasadas eleccións concorreron sete forzas, nesta ocasión unha delas decidiu renunciar a presentarse, Compromiso por Galicia (CxG). Ademais, Burela Sempre, iniciativa independente impulsada polo rexedor de Becerreá, o exsocialista Manuel Martínez, introduciu algún cambio na súa lista. 

Chairo recordou que o 26 de maio votaron nesta mesa 403 persoas das 630 censadas. Un total de 157 votos foron para o PSOE, 107 para o PP, 66 para o BNG e 31 para Burela Sempre. 

á vista destes datos, conforme apuntou, poden darse diferentes escenarios. Así, apuntou que todo "pode quedar igual", que o PSOE pode recuperar un edil e ter a maioría absoluta, así como que o BNG perda un concelleiro que pasaría a Burela Sempre.