O alcalde de Burela avanza que o martes empezará a negociación da RPT

O anuncio coincide coa última das concentracións que realizaron o mércores os traballadores municipais e que se sucederon este mes pedindo a elaboración deste documento

Alfredo Llano. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Alfredo Chairo. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, avanzou que o vindeiro martes empezará a negociación da Relación de Postos de Traballo (RPT). O anuncio coincide coa última das concentracións que realizaron o mércores os traballadores municipais e que se sucederon este mes pedindo a elaboración deste documento, entre outras medidas.

Neste sentido, Llano mostrou a súa sorpresa e a do equipo de goberno pola concentración deste mércores "cando os traballadores xa están convocados oficialmente para facer unha reunión para o que solicitan". "Na última xuntanza da mesa de negociación quedaramos, e eu estaba convencido de que se entendera perfectamente, en que íamos iniciar as conversas a primeira semana de febreiro e así vai ser", engadiu o alcalde e recordou que xa contan cun documento base que será sobre o que se avance na elaboración da organigrama e as necesidades do Concello. "Non houbo nunca negativas a conversas cos traballadores nin nos negamos nunca a recibilos", afirmou o alcalde, "esperamos que a partir de agora se normalice a situación e procuraremos sacar un bo documento que beneficie ao conxunto das necesidades do Concello".

Llano mostrouse especialmente critico co grupo municipal do PP. Os populares denunciaron en reiteradas ocasións o atraso na elaboración da RPT e esta mesma semana acusaron o alcalde de pretender suprimir certos postos de traballo e dixeron ter constancia de presións do rexedor a algúns traballadores. Llano acusou aos populares de intento "de politizar" este asunto e subliñou que "nunca presionei a ningún traballador, o que fago é motivar para que todo saia ben".
 

Máis en A Mariña
Comentarios