O albergue que se perdeu en Ribadeo

O emblemático edificio de Ribadeo corre o risco de quedar inutilizado xa de forma definitiva
Albergue de peregrinos de O Cargadeiro, en Ribadeo. P.V.
photo_camera Albergue de peregrinos do Cargadeiro, en Ribadeo.

O edificio do albergue de peregrinos do Cargadeiro de Ribadeo foi unha peza emblemática en Galicia. Construíuse con vistas ao Xacobeo do 99 como aposta do entón concelleiro Manuel Valín, que vía clarísimo o seu potencial: Ribadeo era a porta de Galicia no Camiño Norte e fíxose un edificio con gusto e nun enclave privilexiado, colgado sobre a Ría de Ribadeo.

O albergue despegou de forma instantánea con excelentes cifras de ocupación que foron crecendo ano tras ano co auxe do Camiño Norte.

Pero foron pasando os anos e non se fixo ningunha intervención nun inmoble moi exposto á climatoloxía e a humidade. E así se foi deteriorando ata chegar ao momento no que se atopa na actualidade, tan desgastado e con tantos problemas que o goberno municipal ribadense optou por botarlle o peche porque xa non reúne unhas condicións mínimas de habitabilidade.

En realidade o albergue levaba xa un tempo no que servía moi a miúdo de espazo para indixentes que estaban de paso no municipio.

Agora, atópase inmerso nun novo episodio de tira e afrouxa entre o Concello e a Xunta de Galicia. O alcalde, Fernando Suárez, explica que se remitiu xa antes da pandemia ao Xacobeo para alertar da situación en que se atopa o inmoble e da necesidade dunha intervención urxente no mesmo.

Con todo, aínda que houbo unha resposta en parte afirmativa acabaron por indicar que debía de ser o Concello quen se fixese cargo do seu mantemento.

Pero o certo é que non se trata de mantemento, senón que o albergue necesita unha intervención estrutural completa debido á súa deterioración e a que nunca se fixeron obras en profundidade que atallasen, sobre todo, as humidades que tanto o castigan.

Suárez Barcia explica que é unha pena a situación do edificio, pero que realmente a efectos de acollida de peregrinos o peche do albergue non supón ningún tipo de drama "porque se foi desenvolvendo de forma paralela nos últimos anos unha rede de albergues privados importante que cobre de forma penso que moi boa e con abano amplo de posibilidades a oferta de peregrinos que vaian chegando a Ribadeo". Aínda que, iso si, lamenta que "de novo nos vexamos nunha situación coma esta porque a Xunta non atenda as súas obrigas".

Comentarios