Afronta dous anos de cárcere por atentar contra un garda civil en Mondoñedo

A agresión foi nun bar e o propietario tivo que axudar a reducilo â?? O home coñecía ao axente doutra causa pola que foi condenado
Juzgados de Lugo. AEP
photo_camera Xulgados de Lugo. AEP

Un home será xulgado este xoves no Penal 1 de Lugo acusado dun delito de atentado e outro leve de lesións a un garda civil en Mondoñedo, feitos polos que o fiscal lle pide dous anos de cárcere, ademais dunha indemnización de 300 euros polas lesións que sufriu e 100 para facer fronte ao pago do pantalón que vestía e que rompeu.

Os feitos remóntanse a setembro de 2016 cando o axente, que era sarxento do posto de Mondoñedo, estaba de paisano nun bar da localidade no que entrou J.L.G., que xa coñecía o garda por unha actuación previa que culminou cunha sentenza de dous anos contra o acusado por delitos de condución temeraria, negativa a someterse ás probas de alcoholemia, tres leves de lesións e un de atentado.

O dono do local e varios clientes tentaron razoar co acusado, que increpou o axente, que estaba de paisano esperando a cear

O acusado, segundo o escrito do fiscal, tocou o sarxento nas costas e fixo ademán de darlle a man, pero cando o axente lla tendeu J.L.G. tirou dela cara ao seu corpo á vez que lle proferiu ameazas e insultos. O dono do bar pediu entón ao acusado que abandonase o establecemento, pero saíu e colleu un nivel metálico que tiña na furgoneta, co que efectuou ademáns agresivos contra o garda.

Despois pediu unha botella de auga e lanzoulla ao axente á vez que persistía nas ameazas, polo que o sarxento decidiu detelo, pero resistiuse e no forcexo ambos caeron ao chan. O dono do bar e un cliente axudaron a reducir o suxeito ata que chegou unha patrulla da Garda Civil.