lunes. 25.05.2020 |
El tiempo
lunes. 25.05.2020
El tiempo

Afronta 3 anos de prisión por agresión a gardas que trataron de tranquilizalo en Foz

O seu pai reclámalle 1.358 euros do mobiliario e a Benemérita pide 168 por unha mesa do cuartel e indemnizar con 550 euros a cada axente por lesións

Un veciño de Foz afronta tres anos de prisión por atentado a dous gardas en concurso con dous delitos leves de lesións aos mesmos, así como tres meses de multa con cota diaria de seis euros por un delito leve de danos con responsabilidade persoal subsidiaria en caso de falta de pagamento. O fiscal solicita ademais que indemnice á Garda Civil con 168 euros polas desfeitas provocadas a unha mesa no posto focense, así como 300 e 350 euros, respectivamente a cada un deles por lesións causadas. Ademais, terá que indemnizar ao seu pai polos danos ocasionados no mobiliario da súa casa por valor de 1.358,50 euros.

Os feitos ocorreron na madrugada do 12 de febreiro de 2017 cando os axentes acudiron ao seu domicilio ao solicitarse a súa presenza polo estado de agresividade que presentaba e por ter causado danos no mobiliario da vivenda na que convive co seu pai. O xulgado número 1 de Viveiro ditou un auto prohibíndolle achegarse a 100 metros deste e comunicarse con el.

Os gardas trataron de tranquilizalo, pero este proferiu diversas expresións despectivas e ameazantes contra eles antes de arremeter contra un, ao que propinou unha forte puñada na cara con contusións e hematomas que requiriron seis días de curación. Ao intentar detelo, pegou unha patada no brazo esquerdo a outro axente, que tivo cinco días de curación. Durante o traslado no coche patrulla díxolles: "vouvos a pegar un tiro" e no posto fracturou dun golpe unha mesa.

Afronta 3 anos de prisión por agresión a gardas que trataron de...
comentarios