Adrián Cordido: "Entender a bioloxía básica da doenza é moi importante"

Este biólogo de Cervo con paixón pola investigación leva algo máis dun ano na Yale School of Medicine, en Estados Unidos, para avanzar no coñecemento que se ten a día de hoxe sobre a poliquistose renal, unha enfermidade sobre a que xa investigou en Galicia. Aínda que é cedo para falar de resultados, móstrase ilusionado coa liña de traballo na que está inmerso.

Adrián Cordido, no laboratorio da Universidade de Yale. EP
photo_camera Adrián Cordido, no laboratorio da Universidade de Yale. EP

Adrián Cordido ten vocación científica dende que lle espertou mentras cursaba a carreira de Bioloxía, porque moitos mestres son científicos e alentan esas vocacións neste senso, segundo recoñece. Unha vez rematada o grao, fixo un mestrado en investigación biomédica e realizou a tese de doutoramento en medicina molecular no NefroCHUS. Agora está co posdoutoramento na Yale School of Medicine, en Estados Unidos, no grupo que, asegura, é o "mellor do mundo" na investigación da poliquistose renal, a súa área de investigación. 

A súa viaxe a Estados Unidos supuxo empezar de cero na investigación sobre a poliquistose renal. 
Si, fixen o doutoramento no laboratorio do NefroCHUS pero, unha vez rematada a tese, a investigación queda no laboratorio. Hai persoas que para o posdoutoramento elixe un campo distinto ao do doutoramento e outras que seguen no mesmo ámbito. No meu campo sigo coa poliquistose renal, que é unha enfermidade tremendamente complexa da cal nin sequera coñecemos moitos aspectos da súa bioloxía molecular básica; ergo, todo avanza a ritmo lento. 

E como vai progresando a súa investigación? 
Aínda é cedo para extraer conclusións porque está comezando a arrancar, pero teño moita ilusión posta nela. 

Que aportan estes avances científicos ao diagnóstico e tratamento da enfermidade? 
Se a miña investigación chega a bo porto, podemos dicir que esta aportará cousas importantes para entender a bioloxía básica da enfermidade que a día de hoxe é o gran ‘gap’ que existe no noso eido. Por exemplo, sabemos que xenes ao estar mutados causan a enfermidade pero non entendemos que función teñen as proteínas que se codifican destes xenes nas células; tampouco entendemos ben de todo como se inicia a poliquistose renal, cal é o mecanismo básico. O que estou intentando facer coa miña investigación non se fixo nunca, polo que se se consegue será un avance moi importante. 

A principal diferenza entre a ciencia en Estados Unidos e España son os recursos e o xeito de valorar os currículos

Tratándose dunha enfermidade na que un 90% dos casos son factores hereditarios, existe algunha forma de previla? 
A poliquistose renal é unha enfermidade xenética autosómica dominante, é dicir, que se unha persoa a padece ten o 50% de probabilidades de transmitirlla ás súas fillas ou fillos. Un 10% dos pacientes presentan mutacións estocásticas, que ocorren ao azar, e o outro 90% son herdadas. A única forma de prever a enfermidade é realizando diagnóstico preimplantacional, facer unha selección de gametos (óvulos ou espermatozoides) que non presenten a mutación no paciente de poliquistose que desexe ter descendencia. Para isto é de suma importancia coñecer as mutacións de todos os pacientes, algo no que Galiza, da man de NefroCHUS, é un referente no ámbito estatal. 

A Universidade de Yale é unha das máis especializadas do mundo no campo da poliquistose. Como está sendo a súa experiencia? 
A nivel laboral non teño queixa posible. Estou contento co grupo, cos compañeiros cos que comparto liña de investigación e co xefe de equipo, e tamén co proxecto que desenvolve, o cal é novidoso e ambicioso. Eu creo que o primeiro que máis sorprende a un galego ou español que chega aquí é a cantidade de recursos que hai. Por poñer un exemplo, neste laboratorio lévanse a cabo experimentos que equivalen a proxectos de tres anos da Xunta de Galicia ou do ministerio. No caso do xeito de traballar coido que depende máis do grupo e da filosofía do xefe deste, mais algo que sorprende tamén é a cantidade de estranxeiros traballando, sobre todo asiáticos. 

Que diferenzas ve con respecto a España? 
Os recursos, esa é a principal e maior diferenza que fai que o sistema español ou galego sexa feble. A ciencia faise con diñeiro, non con vontade. Ademais, en España a ciencia mídese ‘a peso’, os currículos mídense en base a quen publicou máis estudos, ten máis patentes... Aquí tense en conta a calidade deses estudos ou o que vai aportar unha persoa para un determinado posto, non canto publicou. A sociedade española coloca ano tras ano a ciencia no top 3 de profesións máis valoradas, xunto ás médicas e ás docentes. A investigación está valorada socialmente, o que non o está é laboralmente. Non é posible que xefes de grupo con experiencia dilatada non teñan postos fixos ou que un investigador con doutoramento cobre algo máis de 1.000 euros. É inxusto e indecente. A que se debe esta entrevista? Á situación dun investigador emigrado ou exiliado nun país que dedicou cero euros na súa formación, pero que lle ofrece máis oportunidades. Como sociedade deberiamos reflexionar sobre isto, sobre o modelo que queremos: un país só de terrazas, eólicos e eucaliptos? 

A ciencia está valorada socialmente, pero non laboralmente. A sociedade debería saber en que situación se traballa

Cre que a investigación debería contar con máis divulgación entre a sociedade en xeral? 
A falta de divulgación pode ser un dos erros no noso campo, mais o que os investigadores demandamos non é que se saiba máis o que facemos, senón como o facemos e en que situación. Do prestixio non se come, nin se pagan facturas, nin se desenvolven proxectos vitais.

A elección de Estados Unidos foi un pouco obrigada. 
Como país non me chama moito, pero quixen seguir coa investigación en poliquistose renal e aquí é onde empezou todo e xa teñen moito camiño andado. Os grupos máis importantes están aquí. 

E como leva a vida diaria? 
É un país que se vende moi ben a si mesmo, porén atópoo pouco atractivo na vida cotiá. Resulta difícil de entender como un país tan rico mantén unha parte da súa poboación vivindo en tendas de campaña en plena rúa, por poñer un exemplo. Ou o mal que funcionan as infraestruturas ou os servizos. En moitas cousas son un país terceiromundista

Cando se ía dixo que volvería aos dous ou tres anos. Segue pensando o mesmo? 
Hai moitas variables que hai que ter en conta, sobre todo como se desenvolven os proxectos. Sigo as iniciativas e mudanzas na política científica galega e española, e a realidade é que vexo o futuro algo deprimente. Pero non me gustaría quedar aquí de forma permanente ou máis tempo do debido.

Comentarios