As cambadelas a Adrián Ben para compaxinar deporte e universidade

O de Viveiro, unha das maiores promesas do atletismo español, denuncia que un profesor lle obriga a elixir entre a competición e os estudos

Adrián Ben. AEP
photo_camera Adrián Ben. AEP

O vivariense Adrián Ben, unha das maiores promesas do atletismo español, reactivou un vello debate sobre a dificultade para compaxinar en España o deporte de elite e os estudos.

Sempre se pon como exemplo países como Estados Unidos, onde existe un modelo que brinda máis facilidades aos atletas. Todo o contrario do que denunciaba o lucense en Twitter: "Hoxe falei co meu profesor da uni (UCM) para avisarlle de que, debido á miña preparación e as miñas competicións, seríame imposible asistir a dúas practicas obrigatorias", expuña Ben, antes de engadir que lle preguntou se habería algunha forma de recuperalas. "A súa resposta foi: 'Isto é a universidade; hai que elixir unha cousa ou a outra'", relataba o atleta de 19 anos.

A súa historia correu como a pólvora e outros deportistas fixéronse eco dela, contando experiencias similares. Varios periódicos de gran tiraxe tamén recolleron a súa denuncia.

Ben, considerado Deportista de Alto Nivel (DAN), ten bolsa na prestixiosa Residencia Blume e cursa un grao de Fisioterapia na Universidade Complutense. "Hai uns dereitos que che venden antes de matricularte coma se fosen verdade, para os deportistas de alto nivel que nin sequera contemplou, simplemente 'así é a vida'", engade o de Viveiro, que recibiu moitas mensaxes de apoio doutros deportistas nas redes.

Comentarios