Adrián Ben buscará en Ourense o título nacional dos 800 metros en pista cuberta

O atleta vivariense parte coa segunda mellor marca dos competidores, só superado por Mariano García
Adrián Ben (dorsal 90) en una carrera con la camiseta del Barcelona
photo_camera Adrián Ben (dorsal 90) nunha carreira coa camiseta do Barcelona

Adrián Ben ten este fin de semana unha nova cita. Será en Ourense, nunha instalación denominada Expourense, onde se dispute o Campionato de España de atletismo absoluto en pista cuberta. Unha competición onde o vivariense participará na proba de 800 metros. Mañá disputará a semifinal desta proba, cun horario previsto para as 19.15 horas, mentres que a final quedará para o domingo ás 13.15 horas como punto e final do campionato, aínda que aínda quedará outra proba máis, que serán os 1.000 metros do Heptatlón masculino.

O atleta mariñán chega á proba cos deberes feitos, logo de asinar na última proba na que participou a súa mellor marca persoal na distancia en pista cuberta. Foi en Madrid, nunha proba do World Athletics Indoor, onde o vivariense parou o cronómetro en 1:46.60, superando en máis dun segundo o seu anterior rexistro, que estaba en 1:48.18, e que tamén supuxo a marca galega na distancia, que databa do ano 1995 e que estaba en 1:47.46. Números que invitan o optimismo para o Campionato de España. 

Ben parte coa segunda mellor marca de todos os participantes. Só Mariano García, cun crono de 1:46.31, ten mellor marca que o galego, e que ademais a conseguiu na mesma proba onde Ben bateu a súa marca, na pista de Gallur, en Madrid. O resto de participantes vanse por encima do minuto e 47 segundos nos 800 metros, sendo Ben e García os dous máximos favoritos.

A dúbida estaba en que distancia elixiría Adrián Ben para este campionato. Ao final decantouse polos 800 metros, proba na que en 2019 conseguiu a sexta praza no Mundial de atletismo ao aire libre de Doha. "Decidín correr os 800 metros porque quero gañar, e nesta distancia teño máis oportunidades que en 1.500, aínda que tampouco me importou facer esta distancia", di o vivariense a dous días da cita, que descartou correr as dúas distancias. "Eu sempre quero gañar, e se correse as dúas sería imposible; xa teño bastante con intentar gañar unha", advirte.

Sobre a proba en si, di que neste tipo de competicións son máis abertas ás sorpresas. "Neste tipo de probas nunca se sabe, sempre pode haber sorpresas", di. Normalmente, o desenvolvemento destas carreiras adoita ser máis ben tácticas. "Poida que sexa así, pero si queren correr rápido eu tamén estou disposto a iso", subliña.

Ben chega coa moral polas nubes logo da súa boa actuación en Madrid, no polideportivo de Gallur, nunha carreira de gran nivel, onde non importou tanto a posición (quinto) como o tempo (1:46.60) e as sensacións. "Atopeime moi ben. Foi unha carreira de moito nivel", di Ben, que sempre atopa as físgoas para mellorar. "Houbo detalles tácticos que teño que mellorar, pero estivo ben", insiste.

Prevé, en Ourense, unha carreira moi distinta á de Madrid. "Alí saíuse a matar, era un meeting, vas enfilado desde o principio, mentres que aquí a estratexia será clave, ter unha boa posición", advirte. "A clave é estar ben colocado, porque se nun momento un atleta pega un machadazo e tes que remontar, telo que facer por fóra, facendo metros de máis, e iso prexudícache", conclúe o vivariense.

Máis en A Mariña
Comentarios