Adrián Ben busca en Lievin a mínima para o Mundial de pista cuberta de Belgrado

O atleta vivariense participa este xoves nunha proba de ouro do World Indoor Tour chea de estrelas. Será a súa primeira carreira de 800 metros na tempada.
Adrián Ben.INSTAGRAM
photo_camera Adrián Ben. ARQUIVO

O atleta vivariense Adrián Ben acelera a súa posta a punto de cara ao inminente campionato de España de pista cuberta, que terá lugar en Ourense entre o 25 e o 27 deste mes. Para iso, acode este xoves á localidade francesa de Lievin para participar nunha proba de máximo nivel mundial, pertencente ao nivel ouro da World Indoor Tour. A carreira está programada para as 20.52 horas.

A de Lievin será a segunda participación en pista cuberta esta tempada para o atleta mariñán e a súa primeira carreira de 800 metros, xa que o pasado sábado disputou os 1.500 metros noutra cidade francesa, Metz. O grande obxectivo para o deportista mariñán é tratar de conseguir a mínima para o campionato do Mundo de Belgrado 2022, que está estipulada na proba de 800 metros pola Real Federacion Española de Atletismo en 1.47.00, unha marca alcanzable para Ben, que ten 1.46.60, aínda que a súa curta preparación pode xogar na súa contra.

A nómina de rivais que se atopará este xoves o quinto clasificado dos Xogos Olímpicos é impactante, destacando sobe todo os kenyanos Tuwei, Ngeny e Kipruto, o británico Elliot Giles ou o polaco Adam Kszczot. A proba deixará tamén un novo capítulo dos duelos entre Adrián Ben e Mariano García, dous dos grandes oitocentistas do atletismo español.

OURENSE. O campionato de España en pista cuberta está ao virar a esquina e de aí sairán as dúas prazas para o campionato do mundo, aínda que tamén depende das mínimas. Adrián Ben atópase nunha empresa en grao sumo complicada, xa que leva case dúas semanas de atraso na súa preparación respecto dos seus rivais por culpa do coronavirus.

comentarios