Segismundo García defende as súas "ganas" de sacar Sargadelos adiante

O administrador único da fáctoría de Cervo asegura que tomou a decisión de despedir a 49 empregados para que "ninguén senta explotado"

Segismundo García. PEPE FERRÍN (AEP)
photo_camera Segismundo García. PEP FERRÍN (AEP)

O administrador único de Sargadelos, Segismundo García, asegurou que tomou a decisión de prescindir dos 49 novos empregados contratados na fábrica de Cervo para que "ninguén senta explotado", e defendeu que lle ampara o sentido común" e "as ganas de sacar a estas empresas adiante". 

Así se recolle no comunicado transmitido aos traballadores en asemblea este venres co que explicou que, ademais, doce dos traballadores abandonarían xa os seus postos de traballo o mesmo día. 

Segismundo García puña de manifesto no texto que o motivo da reunión era que "a traballadora e representante sindical" R.M. criticara que se incumprían "varios dereitos dos traballadores no que se refire, entre outras circunstancias, á súa remuneración". 

Ante isto, o administrador único de Sargadelos expuxo aos traballadores que eran "conscientes" da "situación de quebra pola que atravesou a compañía e da inxección de liquidez, con dúas ampliacións de capital por importe de aproximadamente dous millóns de euros", que tivo que asumir el e "algún dos socios". Unha situación ante a que agregou que "para a pervivencia das empresas" tiveron que "facer equilibrios". 

Con todo, ante o "incremento de pedidos" e coa "imposibilidade de subir prezos", resaltou que se considerou "adecuado e conveniente contratar novo persoal" pero "cun salario inferior ao do persoal sobrevivente do Concurso de Acredores", puntualizando que a ninguén se enganou" cando foi contratado. 

Con todo, ante a lexislación laboral existente e a postura dos sindicatos, manifestou que decidiu prescindir dos novos empregados para que "ninguén senta explotado". 

García recordou tamén que a empresa pagou "máis dun millón de euros por demandas sindicais derivadas dun Ere do ano 2010", que sostén que foi "xusto e necesario para a pervivencia da compañía", e fixo referencia ao futuro da compañía. 

En todo caso, Segismundo García incidiu este sábado en que baixo a súa dirección Sargadelos "ía moi ben, incrementando vendas, pagando as súas débedas anteriores e aumentando persoal". 

Sargadelos saíu en 2016 do concurso de acredores no que entrou de forma voluntaria en 2014. A compañía conta con outra fábrica en Sada (A Coruña) á que non afectarán estes despedimentos. 

Ademais, este ano o Tribunal Supremo ratificou que o Ere realizado pola empresa en 2010 foi nulo, así como varios despedimentos realizados no seu día, tras non aceptar un recurso de casación presentado pola empresa logo de sendas sentencias do TSXG e do Xulgado do contencioso administrativo de Lugo. 

Comentarios