Ledicia prepará 3.000 quilos de túnido para a Feira do Bonito de Burela


A actriz mariñá Estívaliz Veiga pregoará o 3 de agosto a primeira degustación desde a declaración de interese nacional para o certame

Preparación de bonito en una edición anterior de la feria. AMA
photo_camera Preparación de bonito nunha edición anterior da feira. AMA

A Feira do Bonito de Burela afronta, como dixo o alcalde, Alfredo Llano, "unha nova etapa" tras a súa declaración como festa de Interese Turístico Nacional. E nesta data tan sinalada será a actriz barreirense Estívaliz Veiga a encargada de ler o pregón, acompañada de Serxio Pazos, "que se namorou da feira cando veu de pregoeiro e volve, polo que se converte nun aliciente máis da festa", explicou a presidenta da asociación Ledicia, Rocío Rivera. 

Foi precisamente Rivera a que subliñou a importancia de que a feira fose declarada de interese nacional e lembrou que "naceu como complemento a unhas xornadas de música tradicional e teatro que facía Ledicia, e aquela xente que o empezou nunca pensou que chegaría a onde chegou". 

Neste sentido, o alcalde puxo en valor que a Feira do Bonito é un "exemplo claro de cooperación", xunto á elaboración das alfombras florais. "Ambos os casos demostran o importante que é traballar de xeito coordinado e que Burela é un exemplo de traballo colectivo", engadiu. 

Este ano está prevista a preparación de entre 3.200 e 3.500 quilos de bonito. "As preparacións que facemos son moi sinxelas e ofrecen o verdadeiro sabor do bonito", afirmou Rivera. O túnido servirase en racións con asado, cocido e en empanada por 8 euros e tamén se servirán tapas de salpicón a 2 euros. "Dende hai uns anos tamén hai racións sen glute e cada vez é máis xente a que consome esta modalidade", recoñece Rivera. Ademais o domingo pola mañá servirase marmitako, "feito con bonito asado", a 5 euros.

Como cada ano distinguiranse dúas persoas cun papel importante na organización da feira e que representan o traballo de todos os voluntarios. Nesta ocasión trátase do matrimonio formado por Justino Pérez Abraído, que será recoñecido como Asador Maior, e María Jesús Pernas Balseiro, que será Colaboradora de Honra. Tamén durante a cita entregaranse os premios do concurso de carteis a Andrea Gómez polo cartaz e a Lin Vizoso polo programa de man. 

O programa da feira inclúe o concerto de Xosé Manuel Budiño o sábado pola noite, ao que seguirá a actuación de Correcaminos Rock&Roll Band. A sesión vermú do domingo será de presentación do festival Osa do Mar. Ademais o venres hai un torneo de 3x3 de baloncesto e o sábado un torneo de veteranos de fútbol, unha quedada de clásicos e un torneo de xadrez.
 

Programa da Feira do Bonito. EP

Comentarios