As diversas actividades acuáticas copan a oferta de Xove neste fin de semana

O variado programa inclúe xogos diversos o domingo pola tarde na praia de Portocelo pero ademais fomentan a práctica de deporte con piscina, "kangoo jumps" e fútbol sala 3x3
2019080113042053425
photo_camera Actividades. AMA

As actividades acuáticas serán este fin de semana as grandes protagonistas do programa Verán Xove, que impulsa o Concello. A iniciativa permite aproveitar o maior número de horas de sol e a benigna climatoloxía desta época con diversas accións nas praias do municipio, que agora chegan ao areal de Portocelo tras realizarse en xullo en Lago.

A festa acuática que se desenvolverá en Portocelo o domingo, a partir das catro da tarde, será o prato forte. Trátase da terceira edición e inclúe xogos para nenos e mozos. Unha das características é que os xogos, entre os que haberá inchables, pádel surf, big sup e kaiaks, é que cada un estará controlado por un monitor, que ademais se encargará do control de acceso e da seguridade.

A iniciativa repítese debido ao éxito cultivado en anos precedentes e é totalmente gratuíta, organizada e patrocinada polo Concello de Xove, ademais de estar aberta aos veciños e os visitantes, sen límite de prazas e con participación libre para todos os interesados con só acudir á praia xovense citada.

Os Domingos a Remollo, como denominan esta actividade é unha novidade do programa deste ano, pero o programa comprende tamén deportes acuáticos na piscina municipal, abertos a público de todas as idades e baixo a coordinación do Club de Natación Xove, que as desenvolveu o pasado 16 de xullo con numerosos participantes, dado que o único requisito é saber nadar.

O Concello programou así mesmo actividades a cuberto para potenciar a práctica deportiva. Trátase do ciclo Móvete no verán, dentro do cal monitores da firma Sala 5 imparten "kangoo jumps". A iniciativa, que conta con 20 persoas inscritas, arrincou o 5 de xullo pasado e continuará ata o próximo 16 deste mes.

Dentro do mesmo plan de fomento do deporte tamén se oferta fútbol sala na modalidade 3x3, que se enmarca como lecer deportivo e desenvolveuse na piscina multideportiva do parque e no pavillón municipal, con 38 participantes. Desde a organización destacan a boa participación en todas as accións do programa Verán Xove, que busca o goce e aproveitamento do tempo de lecer estival coa práctica dun amplo abanico de actividades.

Comentarios