Persoas con discapacidade intelectual aplauden poder votar co cambio de lei

Ata estas eleccións, a decisión dependía do xuíz ao asinar a incapacidade, asociada en ocasións a non poder exercer o sufraxio activo

Usuario de Eu Son. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Usuario de Eu Son. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A reforma o pasado ano da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral (Loreg) permitirá que preto de 100.000 persoas con discapacidade intelectual na súa maioría, pero tamén con enfermidade metal ou deterioración cognitiva, poidan exercer o seu dereito ao voto este domingo. Unha medida que moitos levan anos agardando e que para outros supón recuperar un dereito perdido, pois a maioría das persoas con minusvalía psíquica perdía o seu dereito a exercer o sufraxio tras ser incapacitados legalmente, xa que quedaba en mans de xuíces e tribunais decidir sobre as súas aptitudes.

Un labor que agora invalida a reforma da norma e que celebran desde as entidades mariñás que atenden a persoas con capacidades diferentes, como é o caso de Eu Son en Burela e Aspanane en Viveiro, as dúas únicas asociacións lucenses que participaron no simulacro promovido por Fademga Plena Inclusión Galicia para que os usuarios coñecesen de cerca un proceso electoral e estean preparados para depositar as súas papeletas na urna este domingo e en todas as eleccións próximas.

Antes do simulacro, os usuarios de ambos os centros participaron en sesións formativas sobre o voto, o seu significado e os tipos de eleccións, ademais de resolver as súas dúbidas e presentar o programa O Meu Voto Conta co que Fademga achega ás eleccións a accesibilidade cognitiva, ou o que é o mesmo, facer que o proceso electoral sexa máis fácil de entender e fomentar así a participación.

MOI REAL. O simulacro incluíu unha réplica dun colexio electoral, que se instalou nos consistorios burelense e viveirense, con censo, cabina, papeletas e urna nunha mesa electoral cun presidente e os dous vogais de rigor.

Pablo, Lúa, Miguel, Diego, Cristina e Socorro acceden desde Burela contarnos a súa experiencia. Todos, usuarios da fundación Eu Son poderán votar este domingo. "Eu xa votei bastantes anos e o domingo irei á primeira hora", conta Diego, de 36 anos que, sen a reforma da norma sería o primeiro ano en que non podería exercer este dereito pola súa recente incapacitación legal, que tamén acaba de recibir Lúa, nese caso xa non inclúe a incapacidade para o sufraxio activo. "Estou contenta de poder seguir votando e xa o fixen por correo", relata.

Os seus compañeiros Miguel, Socorro e Cristina tamén puideron votar noutras ocasións. "Nunca tiven ningún problema é gústame que os meus compañeiros tamén podan facelo porque é importante que teñan ese dereito, que deben ter todas as persoas teñan ou non discapacidade intelectual", asevera a burelense Socorro.

Un discurso que aplauden os seus compañeiros, en especial Pablo que, aos seus 43 anos, leva moito tempo sen poder votar. "Para min foi unha inxustiza, porque temos dereito de votar xa que nós temos ás nosas propias opinións. Agora estou contento porque vou poder votar mañá", conta.

De chegar a presidente, Pablo apostaría por máis medios para eliminar a violencia doméstica; Lúa vai no mesmo sentido e reclama máis axudas para as mulleres maltratadas; Cristina avoga pola subida das pensións; Diego, porque arranxen as estradas e Miguel porque haxa máis traballo.

Con este último coincide Fernando, de Aspanane en Celeiro, un dos participantes do faladoiro na sede viveirense, xunto aos seus compañeiros Alba, Belinda, Jesús e Begoña, pois "se eu fose presidente intentaría que houbese menos xente no paro, porque é un problema importante para a sociedade". Axudas para as persoas con discapacidade e para os máis necesitados centran as peticións dos seus compañeiros, á que todos suman o feito de que os partidos deberían integrar xente con discapacidade intelectual nas súas listas.

Fernando puido votar sempre e agora aplaude, e con moitas gañas, que poidan facelo os seus compañeiros. "Non vía nada ben que xente que quixese votar non puidese, pois todos os cidadáns temos os mesmos dereitos". Belinda e Begoña votaron tamén sen dificultade e este ano farao "por fin" o focense Jesús, quen aproveita para pedir aos gobernantes que aceleren a posta en marcha do centro de día e residencia para Viveiro.

MÁIS FACILIDADES. A política é tamén cousa das súas vidas e todos coñecen aos candidatos que se disputan a presidencia do Goberno -varios viron os debates- tamén os seus partidos e os seus logos, polos que moitos se guiarán á hora de elixir as papeletas. E niso, detectaron xa os primeiros problemas, ao considerar que tanto os debuxos como o corpo de letra en que están impresas as papeletas é demasiado pequeno para persoas con dificultade visual. "A distribución das papeletas é tamén un problema, porque están todas moi xuntas ou que fai que non centres a atención na que queres buscar", recorda Vanesa López, monitora de Aspanane.

Un feito ao que, tanto en Viveiro como en Burela, suman a dificultade da propia cabina, con pouca iluminación e case inaccesible para persoas que se moven en cadeiras de rodas, que tampouco teñen acceso ás urnas, que se deberán mover ata a súa altura se o presidente da mesa autoriza a que depositen persoalmente o voto.

Curiosamente, a maioría das barreiras detectadas tras os simulacros foron físicas e non de comprensión dos usuarios, que superaron nos dous casos a proba con éxito. Unha medida que inclúe detrás un arduo traballo de autodeterminación para lograr que fosen o máis autónomos posibles á hora de poder votar, tanto que algún chancea con que non van aceptar que ninguén lle dea o sobre pechado.

Comentarios