miércoles. 27.05.2020 |
El tiempo
miércoles. 27.05.2020
El tiempo

Acisa de Ribadeo reforza a súa aposta por apoiar ao comercio local nesta época do ano

A Rúa Reynante. AMA
A Rúa Reynante. AMA
O mal tempo augou a estrea do programa Domingueo en Ribadeo, que deu continuidade a unhas xornadas de tapas estreadas o xoves e o venres

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (Acisa) de Ribadeo arrincou este domingo unha iniciativa denominada Domingueo en Ribadeo coa que tratan de impulsar as compras na localidade nesta época do ano, considerada de tempada baixa. Súmase a outra iniciativa de locais hostaleiros, que ofrecerán tapas os xoves e venres deste mes.

Son dous exemplos de actividades que están a desenvolver coa intención de impulsar as compras no comercio da localidade, que consideran que se está vendo moi prexudicado por dous fenómenos fundamentais como son as compras a través de internet e a facilidade que existe actualmente para achegarse a grandes centros comerciais de Asturias, A Coruña ou Lugo.

En canto ao Domingueo en Ribadeo é un programa que se fai por segundo ano consecutivo e trata de aproveitar o tirón que supón que o comercio ribadense abre tradicionalmente os domingos pola mañá.

Na xornada deste domingo non tiveron boa sorte porque foi unha xornada desapracible que non invitaba a pasear con tranquilidade para facer compras.

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, explica que o obxectivo desta campaña pasa "por potenciar as compras durante os domingos pola mañá e por dar a coñecer un pouco máis a Ribadeo a aquelas persoas que temos máis cerca".

Chama a atención sobre a circunstancia de que "Oviedo, Avilés, Xixón ou Lugo están a pouco máis dunha hora en coche e por autovía. Desde A Coruña poste en Ribadeo en menos de hora e media". Cren que é necesario non ver iso como un problema, senón como unha oportunidade.

Por iso Iriarte apunta que "queremos dirixirnos a ese público, a esa clientela, á que queremos animar a pasar os fins de semana na localidade ou a achegarse a gozar dos domingos. Estamos moi preto e temos moitas cousas que ofrecerlles: un comercio referente e próximo e unha hostalería en constante movemento disposta a sorprenderlos coas súas propostas gastronómicas".

O xerente do colectivo, Jesús Pérez, apunta que para el é importante recordarlles aos nosos veciños de toda a contorna que estamos aquí, que seguimos traballando todo o ano para ofrecerlles a mellor atención. E aos que están a pouco máis de 100 quilómetros invitámolos a que veñan a deixarse sorprender por Ribadeo nestes meses de outono e inverno".

Acisa de Ribadeo reforza a súa aposta por apoiar ao comercio local...
comentarios