lunes. 30.11.2020 |
El tiempo
lunes. 30.11.2020
El tiempo

Achan unha conta de colar prerromana no castro de San Tirso de Portocelo

A peza localizada no castro xovense de San Tirso.A.B.
A peza localizada no castro xovense de San Tirso.A.B.
Os arqueólogos tamén descubriron cerámica castexa no xacemento de Xove

O equipo de arqueoloxía que realiza escavacións no castro de San Tirso de Portocelo, no concello de Xove, achou unha conta de colar de pasta vitria oculada. O director dos traballos, David Fernández Abella, cre que chegaría ao lugar a través do comercio ou polo menos parece froito da importación. O achado causou sorpresa, dado que "saen poucas en castros", avanza.

O especialista asegura que teñen unha disquisición acerca da cronoloxía desa peza empregada como parte dun ornamento feminino. Ante a dúbida respecto á datación exacta que a conta poida ter, confían na posibilidade de atopar algún vestixio máis para aclarar a situación. "Se saíse algo máis estariamos a falar xa dunhas relacións comerciais máis intensas, posto que así é arriscado pensar que o comercio co exterior tivese un carácter constante pola vía marítima", indica Fernández Abella.

O grupo de arqueoloxía tamén localizou un bo número de anacos de cerámica, posiblemente da Idade do Ferro. "É abundante e fálanos de que se trataba dun castro habitado, onde facían actividades cotiás fai uns 2.500 anos", sinala. 

O director do proxecto, que financia o Concello xovense na súa totalidade, comenta que a cerámica é "un material estable", dado que non se degrada no terreo do mesmo xeito que ocorre con outros elementos fabricados con vimbio ou coiro, cuxo deterioro se produce de xeito máis rápido, motivo polo que resulta máis difícil que se conserven.

As sondaxes arqueolóxicas, que comezaron este luns pasado, desenvólvense de momento a nivel relativamente superficial do xacemento, pero a pesar desa pouca profundidade xa empeza a aparecer a estrutura dun edificio, aínda que "está moi deteriorada, porque o terreo tivo uso, aproveitaban a terra ou plantaban". Os traballos desenvolveranse no xacemento xovense durante tres semanas, nas que estudarán unha área ocupada durante máis de mil anos.

Achan unha conta de colar prerromana no castro de San Tirso de...
comentarios