Achada morta no seu domicilio de Foz unha muller de 49 anos sen signos de violencia

A Garda Civil investiga o caso, pero non cre que interviñesen terceiras persoas

Unha muller de 49 anos apareceu morta este venres na súa vivenda da rúa Corporacións Municipais de Foz. Segundo indicaron distintas fontes o corpo non presentaba signos de violencia. O suceso suscitou interese na veciñanza ao acudir ao lugar o 061 e a Garda Civil, que investiga o caso, pero que cre que non interviñeron terceiras persoas.

O corpo da muller falecida será obxecto dunha autopsia, o que adoita ser habitual nestes casos. O exame forense realízase no Hospital Lucus Augusti, onde foi levado o cadáver.

A Garda Civil non facilitou máis datos sobre o suceso, que provocou alarma nesta céntrica rúa de Foz, e só explicou que se trata dunha morte xudicial, o que implica que o xulgado intervén, algo tamén habitual cando se atopa unha persoa sen vida e non é debido a causas naturais.