domingo. 19.09.2021 |
El tiempo
domingo. 19.09.2021
El tiempo

O acceso á cala do Cargadoiro seguirá pechado por seguridade

Situación del acceso a O Cargadoiro, que está cerrado. EP
Situación do acceso ao Cargadoiro, que está pechado. EP
Este punto do litorial ribadense súmase a outros en Barreiros, Foz e Viveiro que están sen uso pola inestabilidade do terreo

O concelleiro de medio ambiente de Ribadeo, Jorge Díaz, anunciou onte que o acceso á cala do Cargadoiro que está máis próxima ao forte de San Damián seguirá pechado pola inestabilidade que presenta o terreo que non garante a seguridade.

"Tanto os técnicos de Costas como os municipais concordaban na dificultade de levar a cabo unha actuación que presente a seguridade necesaria para os usuarios e usuarias, o que nos obrigou a contratar unha empresa especializada en xeoloxía para que analizase o terreo" explicou Díaz, que indicou que o martes recibiron un primeiro informe desta empresa que conclúe a inestabilidade do terreo "e que a día de hoxe non é segura esta baixada tal como está". "Estamos a traballar nas medidas que eles propoñen para reforzar o terreo para abrila, que supón reforzar a escaleira na baixada en certas partes", explicou.

O Concello está pendente de facer o proxecto para ver o custo que terá o arranxo.

Este de Ribadeo non é o único caso no litoral mariñán onde os fortes temporais do inverno afán deixar danos. Por exemplo, en Barreiros un acceso á praia de San Bartolo está cortado desde xaneiro polo perigo de desprendementos do cantil. Tamén na costa barreirense está pechado un acceso entre as praias de Fontenla e Lóngara polo mesmo motivo.

Tamén en Foz a baixada á cala de San Pedro, en Cangas leva pechada un par de anos polo mesmo motivo.

En Viveiro, o problema dáse na praia de Sacido. A alcaldesa, María Loureiro, explica que hai un proxecto para arranxar a zona construíndo un muro de formigón pero "tampouco é unha garantía para a seguridade dos usuarios, por iso témola pechada", subliñou.

O acceso á cala do Cargadoiro seguirá pechado por seguridade
comentarios