Absoltos dous administradores dunha explotación láctea de Riotorto acusados de delitos societarios

"Non aparecen datos probatorios de que manipulasen ou ocultasen algún documento mercantil", recolle a sentenza

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo absolveu ao presidente e ao secretario dunha sociedade láctea de Riotorto dos delitos societarios e de administración desleal dos que foron acusados. 

A sentenza, difundida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), ratifica que o tribunal considera que a proba practicada non acredita que os sospeitosos cometesen os delitos que lles imputaban. 

Os denunciados negaron os feitos imputados e, algunhas das súas afirmacións, segundo destacan os maxistrados, foron corroboradas polo documental achegada. 

Ademais, os xuíces indican que no informe do perito xudicial non hai datos que proben que os acusados "dispuxesen de diñeiro procedente da sociedade para beneficio propio", á vez que destacan que unha sentenza condenatoria "non pode ampararse en meras sospeitas dos denunciantes". 

"Non aparecen datos probatorios de que os acusados manipulasen ou ocultasen algún documento mercantil que debese reflectirse na contabilidade da empresa ou levasen a cabo actos de compras ou vendas coa pretensión de prexudicar a prexudicar á mantenta á sociedade da que formaban parte (e, á vista das actuacións, seguen formando) e buscando un beneficio propio e particular", recolle.