Abraham Corujo: "A radial é a máquina do século XXI, non o punteiro nin o cincel"

É natural de Lugo, dende onde foi para Viveiro con 13 anos. Logo de formarse e traballar en varias empresas acabou vivindo no medio rural. Foi da primeira promoción de Artes en Burela, estudou no conservatorio viveirés e na escola Mestre Mateo fixo o ciclo de escultura.
Abraham Corujo Carreira. ANTÍA
photo_camera Abraham Corujo Carreira. ANTÍA

Dende neno gustoulle "fozar coas ferramentas" e ao facer o bachiller Abraham Corujo recuperou as Artes Plásticas, logo traballou en Santiago en empresas relacionadas coa canteiría, pero tamén lle gustan a forxa e a madeira. Alí fixo cursos de restauración, un obradoiro de pedra e lousado.

Quedan poucos canteiros...

Os oficios morren, non houbo un relevo xeracional e é un problema. Na Mariña non hai moitos canteiros. Eu fago canteiría pero tamén me gusta ser artesán, o acabado sempre o deixo á man, aínda que fago o desbaste coa radial porque senón non sería competitivo. Hoxe non hai aprendices e hai segredos dos oficios que van morrer coa xente que se retira, é unha mágoa. Non é o mesmo lelo que a experiencia dun home que traballou moitas pedras, non é algo que se poida transmitir, pero se estás ao lado del, aprendes.

Usa máis máquinas que a radial?

A radial é a máquina do século XXI dos canteiros, non é o punteiro nin o cincel, que uso para facer os acabados.

Tamén fixo esculturas como a do santo da cova de San Roque.

En Santiago traballei no Seminario Maior, en rúas e igrexas; en Lugo estiven en PCM, a empresa que fai as torres da Sagrada Familia, e cando decidimos criar aos nenos volvín a Viveiro, onde fixen a escultura da cova do santo. Agora vou a Ortigueira cada 15 días. O ideal sería ter choio de taller e non moverme de Vilabuín, non ir nin a colocalo, pero non sempre sae.

Pódense coñecer todas as pedras?

Coñécelas ao traballar con elas, o que máis traballo é o granito, pero cada pedra ten as súas características: dureza, grao, andar, veta. Traballei caliza e en Italia tamén con pedra serena.

Como move as pedras grandes?

Ás veces necesitas medios auxiliares, como grúas. Teño un polipasto e procuro facer despeces que poida manexar. Se me encargan unha ventá e o dintel é de catro metros, teño que facelo adovelado, por pezas, para poder colocalo só. Se alguén se encapricha hai que sumarlle o transporte e a grúa.

"Facer unha columna do Partenón sería a hostia, a bóveda de crucería sería un soño"

E que peso máximo pode mover?

O máximo que movín foi a pedra do San Roque antes de facela escultura, era un bloque grande, pesaba máis dunha tonelada. Movina cunha polea que multiplica ao dar voltas a unha cadea.

Que tipo de traballos fai?

O 80% do que fago é rehabilitación e restauración. En Galicia, polo xeral, os ocos dos vanos das ventás e das portas eran moi pequenos ou non había e tócame abrir ventás ou agrandalas, e logo sanear paredes e facer muros, lavar e encintar. Ás veces fago lápidas ou cruces para os cemiterios, non é o que máis, pero espero que dentro duns anos sexa o que máis faga.

Cómprase pedra ou aproveitase?

Gústame aproveitar as pedras que hai nas casas, pero ás veces hai que pillar máis porque non chega ou a ventá é máis grande.

Ao facer escultura, ve formas ou traballa cunha idea definida?

Na talla directa ás veces teñen formas que che poden suxerir, pero cando fas algo que che encargan tes que sacar iso. Algunhas pedras gústanme tanto ao natural, sen facerlles nada. Ás veces incítate ver unha forma, iso é moi lúdico.

En que se inspira?

Sempre me gustou debuxar, ver fotos, libros. Case o que máis me gusta é a esterotomía, os despeces das pedras usados para a construción, tipo Grecia, Roma ou Renacemento. Facer unha columna do Partenón sería a hostia, e unha bóveda de crucería sería un soño.

Imítanse os modelos clásicos?

Non, hoxe imos a liñas rectas, moi feo todo, sen curvas. Se me tivera que quedar cunha época sería coa das igrexas góticas.

Comentarios