A Xunta culpa ao Goberno de que Parter non poida "comprometer o emprego máis aló de dous anos"

Pontón pide condicionar a investidura de Sánchez a Alcoa

Fábrica de Alcoa de San Cibrao.ELISEO TRIGO (Efe)
photo_camera Fábrica de Alcoa de San Cibrao.ELISEO TRIGO (Efe)

O concelleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, culpou ao Goberno central de que o fondo suízo Parter, interesado en facerse coas plantas de Alcoa na Coruña e Avilés, non poida "comprometer o emprego máis aló de dous anos" ao "non cumprir co seu compromiso" para ofrecer un prezo eléctrico estable. 

Así o manifestou o conselleiro de Economía ante a situación de Alcoa, que vive unhas horas cruciais antes de venza o prazo do Ere o vindeiro domingo. Este venres empresa e comités de empresa volven reunirse a partir das 15.00 horas co fin de aproximar posturas. Parter conta cun preacordo asinado, mentres os traballadores mostraron o seu receo pola falta de garantías para o emprego. 

Nun acto desenvolvido nas instalacións do CIS Galicia, na Cabana, Ferrol, Conde avisou que "a solución definitiva" para esta empresa "pasa por un compromiso por parte do Goberno". "Nós o que esperamos é que nestas 48 horas sexa capaz de trasladar algún tipo de proposta. 

"O obxectivo de partida era garantir o 100% dos postos de traballo, algo que nestes momentos non se pode asegurar, porque non temos un prezo eléctrico, e polo tanto estamos a intentar pechar unha solución que será provisional e non será definitiva, ata que o Goberno garanta o prezo eléctrico", explica. 

Ademais, o conselleiro apunta que "os traballadores teñen que saber que a Xunta vai seguir traballando durante este prazo e tamén de face ao futuro". 

Pontón pide que se condicione a investidura a Alcoa
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, explicou este venres que os deputados electos polas circunscricións galegas poden "condicionar o proceso de investidura" de Pedro Sánchez "a que haxa unha solución para Alcoa" e para o marco enerxético industrial.

Pontón mantivo esta mañá un encontro cos responsables do BNG na Coruña, Francisco Jorquera e Avia Veira, así como co membro de comité de empresa de Alcoa Julio Moscovich, no que lamentou que os deputados galegos na Cámara baixa non poñan xa esta condición ao PSOE.

"A Xunta e o Goberno central teñen que porse as pilas", xa que "é evidente que ata este momento non estiveron á altura do grave problema" que sofren os traballadores de Alcoa, subliñou a dirixente nacionalista. "Vivimos nun país como Galicia excedentario en enerxía eléctrica e temos máis de 400 postos de traballo en perigo", aseverou a portavoz nacionalista.

Pola súa banda, Julio Moscovich detallou que "Alcoa está a facer unha chantaxe aos traballadores", xa que pretende que asinen "a totalidade do acordo de venda" que non coñecen e tampouco teñen forma de comprobar se as condicións son reais. "Entendemos que a representación dos asinantes do Ere dea o visto e prace ao proceso de venda, pero o que non é de recibo é que a empresa ameace con non realizar a venda", explicou.

Comentarios