A Festa Normanda de Foz aspira a converterse na mellor festa de España

A cita, que este ano se celebra os días 30 e 31 de agosto e 1 de setembro, compite con outras nove celebracións polo título 

aaaa
photo_camera Desembarco na Festa Normanda. PALEO (AMA)

A Festa Normanda de Foz é unha das dez finalistas para ser nomeada como a mellor festa de España. A organización da cita inscribiuse na campaña #MiFiestaEsLaMejor levada a cabo polo portal de casas rurais clubrural.com e foi elixida, segundo explican desde o portal, "pola súa orixinalidade". Xunto á focense compiten a Festa Troglodita de Piñar (Granada), a Danza do Diaño de Tijarafe (A Palma), a Festa do Renacemento en Tortosa (Tarragona), a Festa da Vendima en Jumilla (Murcia), as festas de San Roque e O Chúndara en Peñafiel (Valladolid), as Festes del Tura en Olot (Xirona), as festas da virxe da Paz en Citruénigo (Navarra), Els Enfarinats en Ibi (Alacante) e o Cipotegato en Tarazona (Zaragoza).

As persoas que queiran votar para que a Festa Normanda se proclame vencedora deben entrar en www.clubrural.com/mi-fiesta-es-la-mejor antes do próximo 9 de xuño. "Sortearase unha fin de semana a Asturias entre as persoas que voten", explican desde a organización do concurso.

"Inscribímonos para participar para darnos a coñecer porque participar nun concurso coma este a nivel nacional sempre dá publicidade", explica Pablo Fraga desde a organización da Festa Normanda, que este ano está prevista para os días 30 e 31 de agosto e 1 de setembro. "As datas están elixidas polas mareas e tamén cumpren co obxectivo co que naceu a festa que foi o de fixar a xente que vén de fóra na localidade ata finais do verán, porque se non moitas persoas xa se ían despois do San Lourenzo e Foz quedaba baleiro", explica Fraga.

Está aberto o prazo para participar no mercado 

A organización da festa xa está a traballar e avanza que a novena edición traerá novidades. Por exemplo, hai unha aposta pola música e tamén haberá máis espazos dedicados a actividades. Outra das novidades deste ano é que será a propia organización a que se encargue de montar o mercado normando. Para iso, xa teñen aberto o prazo de inscrición para os postos interesados a través dos correos electrónicos [email protected] ou [email protected].

Comentarios