A espera infinita

Tres adestradores de Primeira Autonómica agardaron un ano para sentarse nos bancos logo de fichar no 2020
Entrenadores de Primeira Autonómica. EP
photo_camera Entrenadores de Primeira Autonómica. EP

En marzo de 2019, a pandemia do covid-19 fixo que se detivera a Liga de Primeira Autonómica para os cinco clubes da Mariña que por aquel entón competían nesta categoría: Burela, Xove Lago, Folgueiro, Lourenzá e Riotorto.

Algún, como foi o caso do Lourenzá, viuse beneficiado pola suspensión da tempada ao ter ben difícil a permanencia, que quedou pechada ao non haber descensos. A eses cinco cadros sumáronselle os dous que ocupaban os primeiros postos de Segunda Autonómica, Alfoz e Spórting Pontenova, que acadaron o ascenso aínda que non puideron celebralo no campo.

As directivas dos sete clubs con praza na categoría prepararon os seus equipos para competir nun exercicio 2020-21 que nunca chegou a disputarse polas negativas dalgunhas entidades a participar. Estimaban que o risco sanitario non compensaba a disputa do campionato e as dificultades de xogar encontros no medio da pandemia eran valados moi complicados de franquear.

Agora, todos os clubs lucenses de Primeira Autonómica responderon afirmativamente á convocatoria da federación para disputar a Liga e por fin volverá o fútbol ás categorías modestas máis dun ano e medio despois.

Unha das cousas que chama a atención é o caso daqueles adestradores que levan máis dun ano esperando a oportunidade de sentarse nos bancos dos clubs que os ficharon no verán de 2020 para iniciar novos proxectos, coma Luchi (esquerda na foto) no Burela, ou coma Anxo (dereita) ou Roberto Ramallal (centro), que retornan a clubs que coñecen ben polo seu percorrido en etapas anteriores.

A aposta do Burela polo vivairense Luchi chegou da man de Pepete, que foi escollido para liderar o eido deportivo do club de A Marosa no verán de 2020 e trouxo da súa man un técnico con experiencia sobre todo nas categorías de base do club da cidade do Landro.

Diferenzas de criterios coa directiva afastaron a Pepete do Burela, pero a mesma xunta foi a que decidiu manter a aposta de Luchi, que xa puido debutar no banco hai poucos días no amistoso xogado en Viveiro e que intentará pelexar cos mellores da categoría. En Lourenzá apostaron sobre seguro despois da decisión de Diego Rego de non continuar no banco.

A entidade das Escolas Deportivas volveu ao pasado para reclamar a presenza de Roberto Ramallal, un adestrador que xa vivira épocas moi boas en Santa Cruz e que levaba algún tempo fóra dos bancos por decisión propia.

Ramallal liderará unha plantilla que coñece de marabilla e coa que intentará consolidar ao equipo na Primeira Autonómica. Outro adestrador que volverá ocupar unha praza na que xa estivo é Anxo Fernández, un dos técnicos máis queridos dos últimos tempos no Folgueiro, que volve facerse cargo do conxuntos vicedense.

O obxectivo non é outro que intentar asegurar canto antes a permanencia, pero sen renunciar a coarse entre os cinco primeiros e sentenciar xa a meta na primeira fase. Outra cara nova nos bancos vai ser a de Jon Vázquez en Riotorto.

O club da Veiga tiña pensado contar con Jandry Rego para a tempada 2020-21, pero houbo cambio de plans e finalmente será o exadestrador do Friol o que se faga cargo do equipo riotortense.

CONTINUIDADE. Tres son os clubes que apostaron por manter aos adestradores que tiñan naquel lonxano marzo de 2019. Dous deles son os que naquel momento ocupaban as dúas primeiras prazas de Segunda Autonómica: Alfoz e Pontenova.

O experto adestrador viveirense Suso Martínez caeu de pé no Municipal, acadando dous ascensos de xeito consecutivo, mentres que Andrés Bouza xa coñeceu a sinsabor do descenso e tamén a alegría do ascenso na súa traxectoria no Spórting Pontenova.

Tanto o Alfoz coma o Pontenova sairán coa única meta da permanencia despois do cambio de categoría e para iso ninguén mellor que os dous adestradores do ascenso. Tamén o Xove mantén a Bruno Gómez como responsable logo de cumprir a bo nivel na súa primeira e única tempada como primeiro adestrador do club

Comentarios