O Fiouco, máis tempo pechado que aberto nunha fin de semana de gran afluencia na costa

A DXT reabriu o tramo da A-8 só seis horas o domingo

Apenas seis horas estivo aberto o tramo da A-8 en O Fiouco o domingo pola tarde. Tras permanecer pechado case un día, desde as 17.00 horas do sábado ata as 15.00 do domingo, ás 21.30 volvía quedar cortado pola néboa.

Nese seis horas nas que estivo aberto, a DXT mantivo activo o nivel amarilloo, dado que a néboa seguía presente, aínda que en menor medida.

A enésima restrición na Autovía do Cantábrico chegou ademais nunha fin de semana con grandes citas na Mariña, e non só por ser un domingo de verán, senón tamén pola celebración de festas como o Ribadeo Indiano, o Mercado Renacentista de Viveiro ou a Festa Castrexa de Burela.

O pasado mes de abril foi instalado un novo sistema de balizas intelixentes en climatoloxía adversa (BICA), que ten por obxectivo axudar á condución con néboa densa na Autovía do Cantábrico, a A-8, ao seu paso polo alto de O Fiouco. 

Trátase da última medida implementada para afrontar os frecuentes cortes de tráfico que se producen neste punto, onde, en xullo de 2014, apenas cinco meses despois da inauguración da A-8, medio centenar de condutores e usuarios resultaron feridos de diversa consideración ao verse implicados nun accidente de circulación. 

Comentarios