5-2. Unha final e un clásico

O Pescados Rubén Burela FS e o Futsi, segundo e primeiro na liga, pelexarán este domingo polo tíutlo da Copa da Raíña na Vista Alegre. As mariñás gañaron ao Ourense con claridade

Un lance del partido entre el Burela y el Ourense. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Un lance do partido entre o Burela e o Ourense. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A afección do Vista Alegre xa ten a súa final desexada, pero agora queda rematar a faena. A Copa da Raíña que se está a xogar en Burela medirá aos dous mellores equipos do fútbol sala feminino nacional, o Pescados Rubén e o Futsi Atlético, cunha oportunidade de desquite para a escuadra mariñá tras quedar na liga ás portas do seu rival, que lle gañou os seus dous enfrontamentos directos.

O conxunto burelense meteuse no partido polo título tras tombar ao Ourense Envialia nun duelo autonómico que só tivo cor local na primeira metade, pero coas forzas máis niveladas na segunda.

A primeira metade burelense foi exemplar, cunha solidez defensiva espectacular e unha eficacia no remate que lle faltou ás veces durante a tempada. A escuadra de Julio Delgado tamén aproveitou os seus recursos, como a porteira-xogadora, para liquidar os seus momentos de dúbidas, e incluso marcou un gol de bela factura co xogo de cinco tras unha acción combinativa realizada con velocidade e precisión.

O encontro comezou de marabilla para os intereses laranxas, xa que en menos de dous minutos xa estaba por diante grazas a unha xenialidade de Dany. A brasileira recibiu un pase no posto de pivote e tras virarse encañonou un gran trallazo ante o que nada puido facer Vane. Dany dedicou o tanto ao brasileiro Neco, director deportivo e adestrador de porteiros brasileiro falecido hai 3 anos.

O 1-0 pareceu alterar un tanto o desenvolvemento do partido, xa que o Ourense subiu o seu ton de presión e incomodou a saída de balón da escuadra laranxa.

Tras un disparo de Cilene, o Ourense empezou a sentirse máis cómodo sobre a cancha e Ana Romero tivo que exercer como salvadora ante unha dobre ocasión de Sara Moerno e Bea Seijas e despois ante un disparo de Marta.

A resposta de Julio Delgado non se fixo esperar e tomou unha decisión arriscada, pero que adoita darlle réditos, apostando por Bea Mateos como porteira-xogadora. Tras unha primeira xogada con algúns titubeos, Peque tivo o segundo, topando con Vane, pero a madrileña non fallou nunha excepcional circulación de balón laranxa, que remachou no segundo pau.

O Ourense tamén intentou responder coa mesma medida, pero foi un espellismo ao ver que non xeraba problemas ás burelenses, que ademais atopaban continuamente as costas da defensa ourensá para intentar encarar a Vane. A porteira estivo moi atenta nunha acción de Dany e tamén freou dous lanzamentos de Lara, sen problemas e Luci.

Tras aparecer outra vez Ana Romero para frear unha tentativa visitante, a enésima saída de presión laranxa deu esta vez as súas froitos cunha parede entre Peque e Luci que esta última enviou rede ante a saída de Vane.

O Ourense aínda tivo un balón á cruceta, enviada por Sara Moreno, antes do descanso.

MELLOR OURENSE. O Ourense saíu máis enchufado na segunda metade e tras unha boa ocasión chegou un tanto de Sara Moreno, que atopou por fin ás redes locais lanzando á escuadra. O cadro laranxa intentou durmir o partido, pero atopou máis problemas que na primeira metade na saída do balón.

O Ourense apertou mellor e xuntou as súas liñas de presión obrigando a Julio Delgado a volver utilizar o xogo de cinco, con Bea Mateos como porteira-xogadora. Dany tivo o cuarto, pero Vane parou o seu man a man coa cara, aínda que a resposta ourensá tamén foi certeira e só unha grande intervención de Ana Romero evitou o 3-2 de Chiki.

Do posible 3-2 pasouse ao 4-1 grazas a unha pillería de Dany, que aproveitou un malentendido entre Bea Seijas e a porteira ourensá para meter o pé. O tanto deu aire ás mariñás.

O último arreón ourensán chegou con outro chispazo de Sara Moerno, que sorprendeu a Ana Romero cun gran disparo, pero Peque, nun roubo de balón, finiquitou o partido.

FICHA TÉCNICA
Pescados Rubén Burela FSF: Ana Romero, Cilene, Cami, Dany, Peque —quinteto inicial—. Tamén xogaron Jenny, Bea Mateos, Luci, Lara Balseiro, Alves, Popó.

Envialia Ourense: Vane, Bea Seijas, Laura Doce, Marta, Sara Moreno —quinteto inicial—-. Tamén xogaron Chiky, Judith, Beira, Candea, Mery, Zaide.

Goles:1-0, m.2, Dany, 2-0, m.10, Peque; 3-0, m19, Luci; 3-1, m.23, Sara Moreno; 4-1, m.32, Dany; 4-2, m.35, Sara Moreno; 5-2 m.37, Peque.

Árbitros: Manteiga Rodriguez e Martínez Torres. Amarelas á visitantes Beira, Sara Moreno e Judith.

Incidencias: 1.100 persoas no Vista Alegre. Bea Seijas, do Ourense, foi manteada por ambos os equipos e ovacionada pola súa retirada do fútbol sala.

Máis en A Mariña
Comentarios