METEORÓLOGO AUTOR DE O TEMPO EN FOZ

Adrián Naray Ares: "O 2021 é dos peores anos en canto a horas de sol"

Aínda que pareza un tema recorrente, hoxe toca falar das particularidades climáticas na Mariña luguesa, que case se pode dicir que ten un microclima con pequenas variacións, máis acusadas entre a zona costeira e a do interior, segundo explica o especialista focego
Adrián Naray. J.M. PALEO
photo_camera Adrián Naray. J.M. PALEO

O científico focego Adrián Naray ten dende 2018 na web e nas redes sociais o portal O Tempo en Foz, no que divulga previsións e resolve dúbidas. Graduado en Físíca en Santiago e máster en Meteoroloxía, no seu traballo premiado de fin de carreira investigou as néboas orográficas no Fiouco.

Para que nace O Tempo en Foz?
Pretendía dar unha información meteorolóxica máis precisa e máis adaptada á nosa zona. O clima da Mariña é distinto ao de Galicia, quería que a xente sentise a paixón por isto e que lle gustase tanto como a min.

Pode extrapolarse ao resto da costa luguesa?
As variacións son pequenas, máis grandes entre o litoral e o interior, onde non chega a brisa mariña, sobe a temperatura polo día e de noite pode xear, pero cando sopra o norte vai ser frío en toda A Mariña, e o sur será máis cálido.

Ten a comarca un microclima?
Pode dicirse que si. Cando din que soben as temperaturas en Galicia, na Mariña baixan ou non soben. O sábado 21 de agosto dicían que baixaban e na Mariña subiron, Lourenzá acadou 29,15 graos. Os 30 graos superáronse os días 5 e 6 de setembro en case todas as estacións de Meteogalicia. Na de Pedro Murias (Ribadeo) acadouse a segunda máxima máis elevada dende o 2001. A Pontenova acadou a máis alta de Galicia e a que de momento tamén é a máis elevada de 2021 na Mariña, 36,86 graos; en Foz non se acadaban 30 graos dende o 17 de agosto de 2019.

O pasado 17 de xuño caeron 125 litros por metro cadrado no Penedo do Galo, en Viveiro

A que se debeu a subida?
Eses días viñeron moi cálidos por unha borrasca que se situou no oeste da Península e formou un corredor de ventos do sueste co que desprazaba aire moi cálido dende o norte de África.

O seu servizo é aberto e público.
Sempre dixen que tiña vocación de servizo público, encántame axudar aos demais. É en galego para conservar as nosas palabras.

Case acabou o verán...
O habitual é que setembro aínda veña bo. Vendo os datos da estación de Foz, en setembro houbo catro veces máis días con temperaturas máis altas que en xuño, que é o mes máis característico de nubes de estancamento, que provocan problemas no Fiouco.

Entón, é mellor setembro?
En setembro empezan a aparecer borrascas, pero os ventos do sueste pasan as montañas e o tempo máis cálido e seco fai que se acaden temperaturas altas, como pasou en Foz e Ribadeo o 15 outubro de 2017, cando se acadaron 34,82 e 35,44 graos, respectivamente. Pola contra, cando vén o nordés móntase o toldo e non hai forma de baixalo.

Cal foi a máxima na Mariña?
Foi o 23 de agosto de 2019, Lourenzá chegou aos 37,01 graos.

Faltou sol este ano?
En Foz agosto foi máis seco, xullo estivo na media e en xuño tivemos un aviso amarelo por precipitacións, nunha hora caeu tanta auga coma en xaneiro. O 17 de xuño caeron 125 litros por metro cadrado no Penedo do Galo (Viveiro), non caera tanta auga dende 2016. O 2021 é dos peores anos en canto a horas de sol, pero 2006 e 2018 foron peores.

Entón, o verán non foi tan chuvioso como parece...
Nin na estación de Foz —dende 2006— nin na de Pedro Murias en Ribadeo —dende 2001— se acadara tan pouca precipitación en agosto. En Foz só 5,4 mm e en Ribadeo 11 mm, onde só un día do mes choveu máis de 1 mm —litro por metro cadrado— . O mínimo ata agora eran tres días en 2010. En Foz foi o terceiro verán máis húmido superado por 2018 e o máis frío dende 2006. En Ribadeo foi o sexto dende 2001 e na Pontenova o cuarto dende o 2006.

Comentarios