Yuri, unha vaca "antiga pero moderna"

Esta frisona da explotación pastoricense Rey de Miñotelo, unha das máis premiadas de toda Galicia, conta cunha rutina moi marcada que a converte na gran mimada da súa granxa

Yuri e Alberto Iglesia, nunha imaxe de concurso. MAURICIO DE LOS SANTOS
photo_camera Yuri e Alberto Iglesia, nunha imaxe de concurso. MAURICIO DE LOS SANTOS

Yuri non ten rival que lle faga sombra. E máis que unha cuestión de proporcións, que tamén, trátase dunha cuestión de actitude. Iso afirma Alberto Iglesia, o encargado da explotación Rey de Miñotelo da Pastoriza e dono desta vaca frisona que logrou alzarse co primeiro premio no concurso autonómico de vacas catro anos consecutivos. Levou ademais o primeiro posto na Moexmu dous anos, entre eles nesta última edición, sendo unha das vacas máis premiadas de toda Galicia nos últimos tempos. "Cando sae á pista sempre vai coas orellas para adiante, como dicindo "aquí estou eu, e veño gañar". Transfórmase", sostén o gandeiro, que conta con gran experiencia no sector e asegura que "poucas hai coma ela".

Yuri, de sete anos de idade, comezou a destacar entre as súas compañeiras durante o confinamento, cando estaba preñada. "Eu pensaba xa daquela: se esta vaca pon bo ubre, vai facer historia", di Iglesia, que afirma que o animal dispoñía xa naquel momento dunhas características "idóneas" para competir. Yuri é unha res "moderna", asegura o seu dono, que afirma que as súas características "son a mestura perfecta entre as de antes e as de agora", xa que é unha vaca "cunha gran beleza, pero tamén moi produtiva, porque dá moito leite".

E, igual que calquera modelo ou futbolista de elite, Yuri conta cunha alimentación moi coidada, baseada nunha dieta con moita fibra e proteína, o cal contribúe a que se abran máis as súas costelas e que produza máis leite, unhas cualidades moi valoradas nas competicións actuais.

E conta tamén co seu propio "cuarto", xa que ela é unha "mimada" e non comparte box con ningunha das súas compañeiras. Tamén a lavan e a peinan con cepillos especiais e coa axuda dun secador de man con moita asiduidade, porque a raíña da explotación debe prepararse durante os 365 días do ano para os concursos.

E así, grazas á disciplina e coidados que recibe, esta frisona de preto de 800 quilos de peso e 1,62 metros de altura, converteuse nunha das máis premiadas non só da comunidade, xa que, ademais dos certames autonómicos, tamén logrou alzarse co primeiro posto no concurso rexional de Xixón en tres ocasións, co distintivo de campeona gran reserva e mención de honra en dúas ocasións. "É das mellores da historia de Galicia. Non o digo eu, os datos están aí", di o seu dono.

Alberto Iglesia recorda tamén a Sonrrisa, outra das súas vacas máis premiadas, que foi "outra das grandes da nosa explotación", aínda que recoñece que Yuri conseguiu dar "un paso máis alá grazas ás condicións que reúne, en especial porque é máis grande que a maioría, e conta cun ubre e unhas patas que rozan case a perfección", afirma o gandeiro.

Por todo iso, o pastoricense móstrase esperanzado en que Yuri poida competir moitos anos máis, aínda que prefire deixar a presión de lado e continuar traballando como ata agora, é dicir, "pasiño a pasiño e sen maiores pretensións, porque este é un sector no que non se pode dar nada por seguro".

No seu caso, Alberto Iglesia considera que os triunfos chegan grazas "ao sacrificio e ao traballo diario que facemos dende a explotación, e tamén as nosas vacas", pero non é o seu principal obxectivo. Polo que si loita cada día é por "darlles o mellor dos coidados aos nosos animais", que, á vista está, causan furor entre os expertos na materia.

Comentarios