sábado. 08.08.2020 |
El tiempo
sábado. 08.08.2020
El tiempo

A Xunta retira tres menores a unha familia de Cospeito por orde xudicial

Xulgados de Vilalba. M. R. (ARQUIVO)
Xulgados de Vilalba. M. R. (ARQUIVO)
O xulgado vilalbés adoptou esta medida para os dous fillos do matrimonio e un neto. Política Social explica que se considerou necesario abrir un proceso de tutela urxente

Persoal da Consellería de Política Social acudiu na mañá de onte, minutos logo das 9.00 horas, a unha vivenda de Cospeito para proceder á retirada de tres menores, en cumprimento dunha orde do Xulgado número 2 de Vilalba.

Ata a vivenda familiar tamén acudiu unha patrulla da Garda Civil, ante a posibilidade de que os pais se opuxesen á retirada dos seus dous fillos, un neno de once anos e unha moza de 17, así como do fillo desta, un bebé de pouco máis dun mes. A pesar da medida preventiva, a marcha dos menores resolveuse sen incidentes e estes foron remitidos a dous centros de acollida distintos da provincia.

Desde a Consellería de Política Social, responsable do seguimento deste caso, precisan que non poden ofrecer detalles para protexer a intimidade dos afectados. Aínda así, si quixeron concretar que se se iniciou un proceso de tutela urxente débese a que os técnicos que supervisan o caso vírono "necesario". Desde o departamento autonómico indican ademais que a retirada dos menores é "o ultimísimo paso" que se dá e que a súa execución é froito dunha análise detallada da situación, tras seguir todas as pautas que marca a normativa.

A familia, que ten dous meses para recorrer, non entende por que lles retiran aos seus fillos e neto, xa que están "ben coidados"

Con todo, a familia afectada, devastada por esta decisión e porque separen aos seus fillos, asegura que non existen razóns para a retirada dos menores, xa que estes están "ben coidados", e atribúen a decisión a un enfrontamento verbal que a nai (e avoa) tivo con persoal da Xunta e aos problemas de nervios e ansiedade que esta padece desde hai tempo, polos que estivo ingresada no Hula desde o venres ata este mércores.

"Citáronme o venres en Lugo e informáronme que nos ían quitar os nenos", lamenta o pai, que pon as súas esperanzas en que esta sexa unha decisión temporal. Precisou que teñen dous meses de prazo para presentar un recurso e que o luns se lles nomeará un avogado de oficio para que lles asesore sobre como proceder.

A Xunta supervisaba a esta familia desde fai máis de ano, tras serlle derivado ao servizo de menores o expediente dos servizos sociais municipais, que tamén os atenderon durante varios anos.

A Xunta retira tres menores a unha familia de Cospeito por orde...
comentarios