A Xunta licita por 1,3 millóns a ampliación do polígono de Muimenta

A primeira das tres fases que se prevén sumará máis de 25.000 metros cadrados a un parque empresarial que non dispuña de chan industrial, o que suporá 15 novas parcelas
2021022712225576810
photo_camera Vista aérea do parque industrial de Muimenta, coa ampliación á esquerda. EP

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda saca a licitación as obras de ampliación do polígono de Muimenta, no concello de Cospeito, unha actuación demandada para dotar de chan industrial un parque empresarial que xa non dispuña de superficie libre.

O contrato de licitación sae por un importe de 1.332.400,55 euros, máis Iva, e o prazo establecido para a execución dos traballos é de oito meses, segundo detállase no prego.

"É unha obra moi importante para Muimenta e para Cospeito, pero non só para o concello, senón para toda a comarca", destacou onte o rexedor cospeités, Armando Castosa, "contento de ver ao fin como cristalizou o traballo dos últimos anos coa saída a licitación das obras".

"Necesitabamos unha ampliación, tiñamos un polígono con todas as parcelas vendidas e desenvolvido ao 100% e hai contactos con empresas", indicou o rexedor de Cospeito, que destacou a importancia de poder ofrecer chan industrial dispoñible ás empresas, que se se asintan poderán beneficiar "socioeconómicamente ao concello" e promover "a xeración de emprego".

O polígono de Muimenta, en funcionamento desde 1999 e promovido por Xestur, ten unha superficie bruta de 37.000 metros cadrados

"Esperamos poder ofertar este novo chan nun breve espazo de tempo con todos os seus servizos", dixo Castosa, que manifestou "a satisfacción do Concello por esta nova obra", á vez que quixo destacar "os froitos do traballo conxunto" e a colaboración da Xunta.

As obras que saen a licitación, que o consello de administración da empresa pública Xestur aprobou a semana pasada, inclúen "a separata do proxecto de urbanización, electrificación, alumeado público e rega" da primeira das tres fases nas que se dividirá a ampliación do polígono de Muimenta.

Entre as tres, sumarán 145.269 metros cadrados máis a esta área empresarial e 56 novas parcelas. A chamada fase A-1, que foi a licitada onte, terá un total de 25.121 metros cadrados, dos cales 12.979 reservaranse a usos industriais e comerciais, cun total de 15 parcelas previstas cun tamaño de entre 700 e 1.525 metros cadrados. Ademais, vaise a desenvolver unha zona verde e unha nova entrada e saída na estrada Vilalba-Meira.

O polígono de Muimenta, en funcionamento desde 1999 e promovido por Xestur, ten unha superficie bruta de 37.000 metros cadrados, dos que 27.458 son de uso industrial, e suma 22 parcelas. Hai instaladas 15 empresas e o resto están vendidas.

Comentarios