A Xunta lanzará no segundo semestre unha nova convocatoria de programas do Polo Aeroespacial

O conselleiro de Economía asistiu na sede de ITG á presentación dunha Unidade Mixta sobre o uso de drones 
El Targus de Indra, en el aeródromo de Rozas. ELISEO TRIGO (EFE)
photo_camera Aaeródromo de Rozas. ELISEO TRIGO (EFE)

A Xunta lanzará no segundo semestre deste ano unha nova convocatoria para o desenvolvemento de programas de compra pública innovadora vinculados ao Polo Aeroespacial de Galicia.

Así o anunciou o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, na presentación da Unidade Mixta de Investigación FASTFly 2035, que impulsan o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e Star Defence Logistics&Engineering (SDLE) co apoio da Xunta.

A mesma, segundo púxose no acto, ten como obxectivo o desenvolvemento da intelixencia artificial, a robótica, a electrónica e as comunicacións para permitir que as operacións con drones sexan fiables e viables para os operadores.

En concreto, ITG e SDLE deron conta das liñas de traballo da UMI FASTFly 2035, unha alianza que ten como un dos seus eixos estratéxicos a incorporación da intelixencia artificial aos voos con drones.

Trátase, segundo os seus responsasbles, de consolidar durante os próximos anos o traballo de I+D+i iniciado na fase de creación da UMI FASTFLy en 2017. Nesta segunda fase, aliñada con estratexias internacionais, tanto ITG como o seu socio SDLE vanse a centrar fundamentalmente en tres eixos. 

"A evolución de sistemas para a asistencia á aterraxe dos drones; a xestión intelixente de diversas fontes de enerxía do dron e a súa carga autónoma e a automatización de funcións que complementen aos sistemas de comando e control", apuntan. No marco da iniciativa realizaranse diferentes ensaios e demostracións de xeito coordinado co Polo Aeronáutico de Galicia.

AUMENTAR COMPETITIVIDADE

O director xeral de ITG, Carlos Calvo, apelou ao "compromiso de traballar no desenvolvemento de solucións que axuden a aumentar a competitividade do sector das aeronaves non tripuladas en Galicia". "Esta UMI é un claro exemplo da importancia da colaboración entre administración, o noso centro tecnolóxico e unha empresa de referencia como SDLE, para alcanzar solucións innovadoras que sitúen a Galicia como referente no sector". 

Pola súa banda, o vicepresidente segundo, Francisco Conde, sinalou que o Polo Aeroespacial de Galicia e esta Unidade Mixta demostran que Galicia se pode situar na vangarda desta industria "cuxo principal reto é a operatividade e funcionalidade dos vehículos aéreos non tripulados". 

Tamén remarcou que as Unidades Mixtas de Investigación favorecen a cooperación entre os organismos de investigación de Galicia e o tecido empresarial. Ata o momento, a través das oito convocatorias resoltas, a Xunta apoiou 46 Unidades Mixtas coa participación de 13 centros de coñecemento e 33 empresas, a mobilización de máis de 130 millóns de euros, e coa implicación de 700 profesionais. 

Comentarios