A Xunta cederá o edificio da estación de autobuses de Vilalba ao Concello

As instalacións xa non funcionan, aínda que segue sendo lugar de parada para as liñas de transporte
Estación de Autobuses de Vilalba. AEP
photo_camera Estación de Autobuses de Vilalba. AEP

A Consellería de Infraestruturas iniciou o proceso para a cesión do edificio da estación de autobuses de Vilaba ao Concello, á vez que proxecta a instalación dunha nova parada no exterior desta instalación, que suporá un investimento autonómico de 40.000 euros.

A Xunta e o Concello de Vilalba acordaron iniciar a correspondente tramitación para reversión desta infraestrutura a favor da Administración local, proposta que posibilitará o peche como estación de autobuses e permitirá o uso do edificio para outros fins municipais.

Na actualidade, dixo a Xunta, a estación de autobuses de Vilalba, aínda que está aberta o público e serve de base para estes vehículos de transporte regular con parada na localidade, "non esta funcionando como tal estación". "O edificio está pechado, tanto os locais comerciais, como a cafetería como o despacho de billetes e, no último verán, acrecentáronse os actos vandálicos e o uso ilícito dos locais", explicou a Administración galega.

Deste xeito, e no marco do convenio co Concello, o departamento de Mobilidade da Xunta previu iniciar a tramitación do correspondente permiso municipal para acometer as obras necesarias para habilitar no exterior da terminal a nova parada para a espera e recollida dos viaxeiros, para o que se prevé a instalación de dúas marquesiñas

Con esta nova parada mantense a prestación do servizo aos viaxeiros que utilizan actualmente as dársenas da terminal de autobuses, que é "moi escaso". Segundo os datos da última campaña de aforamentos, realizada nos meses de agosto e setembro, na estación de Vilalba a media diaria de viaxeiros que soben ou baixan do autobús é de 50.

Comentarios