A Xunta destinará o próximo ano un total de 1,4 millóns de euros en medidas para previr e paliar os danos que causa a fauna silvestre, como é o caso do xabaril ou o lobo.
A titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, mantivo un encontro cos alcaldes de Xermade, Ourol, Abadín, Valadouro e Muras para avanzarlles a medida.
Os rexedores, segundo recolle un comunicado, trasladaron a súa preocupación polos danos que causan nos cultivos e explotacións gandeiras os xabarís e os lobos.
Para combater esta problemática, a Xunta destinará en 2019 unha partida de 1,4 millóns de euros que financiará dúas liñas de axuda: unha orientada a combater os efectos dos xabarís –dotada con 800.000 euros– e polo lobo –350.000 euros–.
Ademais, a Administración autonómica tamén habilitará outra orde de axudas de 300.000 euros para os danos ocasionados pola fauna silvestre.
BATIDAS. A conselleira de Medio Ambiente tamén explicou aos alcaldes que a Xunta autorizou batidas de xabarís fóra dos períodos hábiles como medida de control, sempre que estas non "poñan en perigo ou supoñan unha ameaza para o seu futuro".
Neste sentido, Vázquez recordou que estas batidas autorizadas responden "sempre" a solicitudes previas formuladas por particulares ou institucións.