domingo. 25.07.2021 |
El tiempo
domingo. 25.07.2021
El tiempo

O xulgado sobresee a causa contra Gerardo Criado por presunta prevaricación

Gerardo Criado. EP
Gerardo Criado. EP
Tras máis de sete anos de instrución, a Fiscalía e a xuíza sinalan que non se atoparon indicios capaces de soster unha acusación

O Xulgado de Instrución número 1 de Vilalba acorda o sobresemento da causa contra o exregidor de Vilalba Gerardo Criado por unha presunta prevaricación administrativa, "por non resultar debidamente xustificada a perpetración dun delito".

O mesmo que defende a Fiscalía de Mondoñedo, que asegura que, tras sete anos de instrución e múltiples dilixencias de investigación, "non se logrou atopar indicios capaces de soster unha acusación viable e capaz de desvirtuar a presunción de inocencia do investigado" que, matiza, "leva sete anos sometido a un procedemento penal".

A causa contra Gerardo Criado iniciouse no ano 2014 tras varias denuncias do PSOE local na Fiscalía, que viu posibles indicios de delito e presentou unha denuncia ante o Xulgado de Instrución de Vilalba. A investigación centrábase nunha presunta prevaricación administrativa e abordaba diversas contratacións, de persoal ou adxudicacións de obras, e puña en dúbida varios reparos de alcaldía.

A xuíza, tras abrir dilixencias, arquivou a causa en 2018, pero a Fiscalía recorreu na Audiencia Provincial de Lugo e esta mandou reabrir a causa, a mesma que agora o xulgado vilalbés sobresee, do mesmo xeito que solicitou o actual fiscal -ao longo destes anos cambiou e xa non é o mesmo que iniciou o proceso-.

Ao longo destes anos o exregidor vilalbés, e actual xefe territorial de Presidencia en Lugo, tivo que declarar en varias ocasións

"A instrución finalizou e esgotáronse todas as dilixencias posibles e non se conseguiu demostrar que poida existir un delito de prevaricación administrativa, sen que poida prorrogarse a instrución das causas sine die co fin de conseguir un resultado no sentido esperado ou pretendido", defende a Fiscalía.

A investigación fíxose pública en 2016 cando o PSOE a vinculou aos movementos do PP, logo de anunciarse a marcha de Gerardo Criado ao Senado e a volta de Agustín Baamonde como rexedor a Vilalba. Pero en 2019, cando a Audiencia Provincial mandou reabrir o caso, comunicaron que desde a agrupación socialista non se acudirían como acusación particular e que deixaban en mans da Fiscalía actuacións que denunciaron durante máis de seis anos.

Ao longo destes anos o exregidor vilalbés, e actual xefe territorial de Presidencia en Lugo, tivo que declarar en varias ocasións. Foi citado en xullo de 2019, pero se pospuxo varios meses porque o seu avogado apelou a que a citación non cumpría os dez días regulamentarios que marca a lei desde a súa notificación. Volveu en xullo de 2020 e non quixo facer declaracións aos medios á saída.

Tras o sobresemento, Gerardo Criado, que remarca que en ningún momento chegouse a celebrar un xuízo, si falou e mostrouse satisfeito "por un recoñecemento" e "unha forma de deixar clara a súa conduta" tras "sete anos de investigación, con peticións continuas de información do Concello desde 2008 a 2013".

"O PSOE previamente levounos a dous contenciosos-adminsitrativos por temas de contratacións e tampouco lograron nada"

"Tanto eu, como a comisión de goberno que presidín e coa que estiven doce anos de alcade, estabamos tranquilos e confiados, porque eramos conscientes de que non cometésemos ningún delito. Seguro que houbo persoas que dubidaron do noso traballo e molesta verche nesta posición pero hai que asumir que é parte do xogo político", expresou Criado.

"O PSOE previamente levounos a dous contenciosos-adminsitrativos por temas de contratacións e tampouco lograron nada e o tema do Senado si que me molestou porque se utilizou para dicir que buscaba a protección do aforamiento cando eu pedín un suplicatorio para poder declarar no xulgado de Vilalba. Sempre estiven a disposición da xustiza", di.

O xulgado sobresee a causa contra Gerardo Criado por presunta...
comentarios