domingo. 09.08.2020 |
El tiempo
domingo. 09.08.2020
El tiempo

O xulgado iniciará as declaracións pola morte de Desirée este mes

Casa na que vivía Desirée coa súa nai e coa súa avoa en Muimenta. EP
Casa na que vivía Desirée coa súa nai e coa súa avoa en Muimenta. EP

Ana Sandamil segue no Hula pero os informes revelan que ten capacidade para declarar

A responsable do xulgado de instrución número 1 de Vilalba, encargada da investigación da morte de Desirée Leal Sandamil, a nena de sete anos que apareceu morta na cama da súa casa en Muimenta o pasado 3 de maio, iniciará a toma de declaracións a finais deste mes.

Por sede xudicial deberán pasar tanto a única acusada, a proxenitora da pequena, Ana Sandamil, como as testemuñas e a xente da súa contorna que chame a xuíza para comparecer, a maiores dos investigadores, peritos e expertos que están na causa.

As comparecencias que non se poidan tomar ao longo deste mes -non transcendeu o número de persoas que pasarán polo xulgado- continuarán no mes de setembro, despois do parón habitual que hai en agosto nos xulgados.

A única acusada e presunta responsable da morte de Desirée, Ana Sandamil, continúa aínda ingresada no módulo de presos do Hula ao que foi derivada desde Psiquiatría, onde ingresou de forma involuntaria o tráxico día da morte da pequena.

O pai da pequena mostrou en varias ocasións a súa intención de solicitar a prisión permanente revisable para a súa exparella e nai da súa filla

Segundo se desprende dos últimos informes que viron a luz, Ana Sandamil xa tería capacidade para prestar declaración fronte á xuíza. Con todo, aínda non foi trasladada ao centro penal correspondente -a responsable do xulgado vilalbés ordenou prisión provisional cando a acusou dun presunto delito de homicidio ou asasinato- porque o seu diagnóstico aínda non é definitivo. Está en seguimento e á espera de que os facultativos lle concedan o alta hospitalaria.

Ana Sandamil, que mostrou multitude de contradicións nos seus primeiros testemuños sobre os feitos ocorridos o 3 de maio, negouse a declarar cando a xuíza se trasladou fai algo máis dun mes ao Hula, aconsellada polo seu avogado.

O pai da pequena, José Manuel Leal, mostrou en varias ocasións a súa intención de solicitar a prisión permanente revisable para a súa exparella e nai da súa filla, algo que ven factible algunhas fontes xudiciais próximas á investigación, a condición de que o crime se cualifique de asasinato.

O xulgado iniciará as declaracións pola morte de Desirée este mes