Xosé María López: "A bisbarra do Eume debe ter unha marca forte, que proxecte unidade"

O presidente de Terras do Anaris fala dun colectivo que se crea para impulsar un territorio de sete concellos de dúas provincias bañados polo mesmo río: Pontedeume, Muras, Cabanas, Xermade, Monfero, A Capela e As Pontes
Xosé María López. EP
photo_camera Xosé María López. EP

Están en plena presentación de Terras do Anaris, un colectivo que ten como reto impulsar os concellos do Eume, que nace coa vocación de unir e impulsar unha bisbarra vencellada a un río. 

Como nace o colectivo? 

Nace en 2020 entre varias persoas que viñamos traballando e colaborando en diferentes proxectos de desenvolvemento territorial e que tiñamos de nexo común a preocupación por ver esvaecerse un territorio que estaba a perder entidade e precisaba dun novo pulo dinamizador orientado ao século XXI que o afastase de vellos clichés, tendo como referencia os obxectivos da Axenda 2030 de desenvolvemento sostible.

Cal é o calendario? 

Acabamos de pechar unha rolda de xuntanzas que mantivemos durante novembro con máis de 60 entidades, empresas e administracións dos sete concellos da bisbarra: Pontedeume, Muras, Cabanas, Xermade, Monfero, A Capela e As Pontes. 

Hai concellos de Lugo e da Coruña. Hai máis unión ou disparidade entre eles pese ás fronteiras? 

As fronteiras sabemos delas os que vivimos aquí. Un veciño de Móstoles que veña ao Eume non debera ter a percepción de estar en Monfero ou nas Pontes, malia que na práctica non acontece. A día de hoxe non existe unha homoxeneidade territorial, nin no tocante ao desenvolvemento do territorio, nin na transversalidade de políticas que se implementan dende as administracións. Isto é algo no que queremos insistir e facercomprender. A bisbarra do Eume debe contar cunha marca forte que proxecte alén das nosas fronteiras unha imaxe de unidade, un produto de calidade para o público e un territorio atractivo para quen decida iniciar o seu proxecto vital nalgún dos sete concellos. 

Cales son as súas fortalezas? 

O que nos trasladan os diferentes colectivos é que contamos cun entorno natural e paisaxístico excepcional, cun patrimonio cultural heteroxéneo e de alto valor artístico, arqueolóxico e arquitectónico. Tamén temos un sector primario que está a reinventarse para ofrecer os mellores produtos da terra directamente ao consumidor, e que nuns intres de incertidume económica como os que estamos a vivir precisan máis que nunca do apoio de todos e de todas. A maiores engadiría o talento, humano, e por suposto profesional. Para min é un dos principais activos cos que conta o Eume.

E cales as maiores debilidades? 

Máis que debilidades, gustaríame falar de oportunidades. Temos a oportunidade de mellorar a posta en valor dos recursos naturais e culturais da bisbarra, facelos atractivos ao público visitante e dalos a coñecer entre a poboación, para que aprendan a querelos e a valoralos, na súa xusta medida. Isto debera derivar tamén na creación de emprego, a través do aproveitamento racional e sostible destes recursos, implementando servizos que a día de hoxe están a funcionar moi ben noutras comarcas do país. Outro dos aspectos nos que insistir é na necesidade de mellorar a conectividade no territorio. Non pode ser que haxa sombras dixitais cando unha persoa intenta descargar o tracking dun roteiro ou facer unha reserva nun restaurante ou casa rural. Vencellado a isto hai que fortalecer a marca do Eume na rede, crear unha plataforma de referencia onde unha persoa teña a golpe de clic unha carta de servizos e actividades á súa disposición. E non menos importante é tratar de mellorar a accesibilidade a estes recursos e servizos, evitando que se produzan esceas de colapso en determinados lugares en momentos de alta demanda.

A maioría son concellos pequenos, falta atención política ou implicación social? 

Nin unha nin outra. Nos sete concellos hai unha enorme vontade por facer fronte aos problemas que ten a bisbarra e hai tamén un tecido asociativo importante, que demanda melloras. Coido que o grande reto ao que se enfronta unha sociedade como a nosa é o de facer sostibles os servizos e proxectos futuros, que se leven a cabo tanto dende a iniciativa pública e privada. Nun intre como o actual, cun encarecemento de materias e servizos, de incertidume económica nos sectores estratéxicos, a rendibilización dos recursos públicos na xestión debera ser a máxima prioridade, tanto das administracións como da sociedade. É algo no que a nosa entidade cree que é importante traballar, tanto na planificación como na execución de proxectos e servizos.

Que resposta están atopando? 

Estamos nunha fase inicial de contacto. O noso proxecto nace coa vontade de ser participativo, aberto a todos e a todas, no que todo o mundo poida aportar e sumar, para conquerir un desenvolvemento territorial sostible e aceptado socialmente. Para isto queremos levar a cabo durante 2022 a elaboración dun plano estratéxico de xeito participativo, onde todas as persoas que viven e traballan no Eume poidan plasmar a súa visión do territorio, as súas esperanzas, os seus desexos, as súas propostas... Isto farémolo a través de oito mesas de traballo nas que queremos que estean representadas todas as administracións do Eume, así como as entidades e empresas dos seguintes eidos: patrimonio natural, patrimonio cultural, veciñanza activa, igualdade e benestar social, comercio e hostalaría, empresas e emprendemento, novas tecnoloxías e deporte e lecer.

Hai varias lendas arredor do Eume. A  máis coñecida é a de que despois de gañar a carreira aos seus irmáns ten como premio varias vidas ao ano. Que queda desa lenda? 

Dúas aprendizaxes, que non por moito bulir se acadan os obxectivos, máis ben ao contrario, as cousas hai que facelas pasiño a pasiño, sen perder o rumbo, e contando coa experiencia e a visión de todos e todas e que os perigos están aí, e debemos estar atentos para non cometer erros, e de cometelos saber correxilos a tempo, denantes de perecer afogados.

"Agardo que André e Breixo manteñan o legado do seu avó" 
Un soño por cumprir? 
Moitos, algún xa cumprido como ser pai de André e Breixo, dous homiños que me sorprenden cada día, que agardo sexan quen de manter vivo o legado cultural que atesoura seu avó no museo.
É un dos responsables de Cultureume, cal foi o traballo máis satisfactorio? E o máis difícil? 
O máis sentido foi descubrir a inmensa laboura realizada por meu pai durante máis de tres décadas á fronte do Museo Etnográfico Monte Caxado. E ao mesmo tempo foi o máis difícil, pois cando tes tantas emocións vencelladas ao proxecto, queres que todo saia ben. 
Leva a historia no sangue. Un valóraa máis cando a ten na casa? 
Foi unha vocación que sempre estivo aí pero da que tardei tempo en decatarme, cara a que finalmente orientei a miña vida profesional. De neno quedaba no colexio con el ao rematar as clases, xogando namentras el restauraba e colgaba novas pezas. Son lembranzas que gardo con cariño e que me fan valorar máis o enorme legado que nos deixa a tódolos galegos.
O que máis lle gusta do museo?
O seu arquivo documental, que agora está online e accesible.
Un lugar das Pontes que sempre visita e un que recomenda ver? 
As Pontes é un concello moi extenso, que sempre te sorprende e nunca acabas de coñecelo. Este verán visitei unha fervenza no Deveso que é un lugar paradisiaco polo inaccesible e pouco coñecido. 
Como será sen cheminea? 
Pois igual. Unha vila chea de enerxía e de persoas que dan o mellor de si para facer dela un lugar excepcional para vivir e traballar.
Un libro que hai que ler? 
A nosa cinza, de Xavier Alcalá. 
Un personaxe histórico?
Federico Maciñeira, foi un auténtico promotor da nosa cultura. 

Comentarios