Unhas xornadas destacan o potencial cultural e turístico do Mupav vilalbés

A dirección do museo pide unha maior implicación das administracións e propón cambiar o lugar do seu congreso internacional polas "reiteradas promesas incumpridas" do Concello
Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, introduce aos asistentes nas xornadas. M. ROCA
photo_camera Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, introduce aos asistentes nas xornadas. M. ROCA

Ver as posibilidades de futuro e tratar de buscar solucións para a situación actual do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (Mupav) son os principais obxectivos das xornadas museísticas promovidas por esta entidade, o Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) e o Concello, e que este sábado tiveron a súa primeira cita na biblioteca municipal vilalbesa.

Nela, os asistentes puideron coñecer de primeira man o funcionamento e importantes recursos cos que conta o museo, que está a piques de cumprir 30 anos e que alberga no seu almacén "a colección máis completa do noroeste peninsular sobre as primeiras ocupacións humanas", segundo indicou o director do mesmo, Eduardo Ramil.

"A porcentaxe de material exposto é mínima. A prehistoria e a historia antiga sería o noso periodo cronolóxico, desde fai medio millón de anos ata hai uns 1.500. Son da Terra Chá e da Mariña Lucense principalmente. Temos poucas doazóns pola incerteza do mantemento no tempo da institución", explicou Ramil.

O director do Mupav tamén afondou na xestión dos fondos, o seguemento do seu estado de conservación, as tarefas de investigación e o fondo bibliográfico, xa que o museo ten "a biblioteca máis completa de España sobre prehistoria e historia antiga".

No repaso polas actividades que promove –xornadas, rutas, exposicións, un amplo programa educativo...–, fixo unha especial mención á quinta edición do seu Congreso Internacional de Arqueoloxía, previsto para o verán de 2021 e que estaría agora mesmo sen lugar de celebración. "Aquí non vai ser, despois de reiteradas promesas incumpridas de colaboración do Concello. Estamos barallando algún outro próximo máis receptivo ás iniciativas do museo", criticou Ramil.

O segundo relatorio correu a cargo de Felipe Senén, que falou da importancia do deseño nas actividades dos museos para chegar ao gran público e asegurarse o seu futuro. Ademais, recordou a figura do promotor do Mupav, José Ramil Soneira. "Hoxe Vilalba é un foco importante na museoloxía porque Ramil abriu o camiño da arqueoloxía experimental", dixo.

Mesa redonda o 21 para rematar
As xornadas continuarán o sábado 21 cunha mesa redonda centrada no museo de arqueoloxía e a administración local. Nela intervirán Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo; Ángel Villa, arqueólogo do Museo de Arqueoloxía de Asturias; Felipe Arias, exdirector do Museo do Castro de Viladonga, e Hugo Lozano, licenciado en Historia e membro da Asociación de Amigos do Museo de Vilalba.

Asistencia
Hai que inscribirse no correo [email protected]

Comentarios