O Festival de Pardiñas estrea formato con actos en varias parroquias en agosto

Xermolos aposta por adaptar esta cita á nova normalidade e espallar a cultura e as artes por todo o concello de Guitiriz en doce xornadas
XL PARDIÑAS SABADO (32)
photo_camera Imaxe dunha edición anterior do festival. ARCHIVO

Nun ano de cancelacións e aprazamentos de grandes citas por mor do Covid-19, a asociación cultural Xermolos deu onte unha alegría a todos os seguidores do Festival de Pardiñas ao confirmar que no 2020 se celebrará a cuadraxésimo primeira edición, iso si, nun novo formato que levará distintas actividades culturais a varias parroquias do concello de Guitiriz ao longo de todo o mes de agosto.

"Queremos que a nosa cultura siga viva, e en concreto a que abrolla en Xermolos e Pardiñas. Sendo fieis aos apelidos do festival, que é Feira e Festa da Música e das Artes, vai haber unha representación de todas as artes no mes de agosto, cando cadraba o festival", explica o coordinador de Xermolos, Alfonso Blanco Torrado.

As actividades arrancan o 1 de agosto no Campo da Feira de Parga coa XXVII Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, e continúan o día 2 no San Alberte, e o 3 -que é festivo neste concello- e o 4 no Campo da Feira de Guitiriz, con música e a proxección do filme 'María Soliño'.

A segunda fin de semana de agosto o Festival de Pardiñas trasladarase a Roca o día 8, e de novo ao Campo da Feira de Guitiriz o 9. As figuras de Mini e Mero serán as protagonistas da xornada do día 15 en Parga, mentres que o 16 celebrarase a Galiza Mártir en Santa Mariña.

O Festival Urban Witiricus e a entrega de premios do Certame Terra Chá da infancia e mocidade están previstos para o sábado 22 e o 23 tamén haberá actos. Para rematar, a celebración chegará a Pardiñas o día 29 e o 30 pecharase o programa de actos con eventos no Vilar e Santa Locaia.

"Haberá pequenos concertos de grupos próximos, presentaranse libros relacionados con artesáns, proxectaranse filmes como 'María Soliña', sobre os Irmáns da Lexía ou o trobador medieval Martín de Padrozelos e realizaranse talleres de distintas actividades», explicaron desde Xermolos no seu comunicado de onte nas redes sociais, ao tempo que avanzaron que «nos vindeiros días presentarase o programa completo».

"Farase todo coas medidas de seguridade necesarias. Estamos seguros e somos conscientes de que a cultura hai que seguila alimentando. Imaxina que todo isto se alonga durante anos... Queremos seguir sumando mentres poidamos", reflexionou Alfonso Blanco.

Comentarios