Xesús Rábade Paredes: "Memoria do corpo é ese libro necesario que a certa altura todo creador debe escribir"

O escritor natural de Seixas, en Cospeito, que reside entre Leiro (Rianxo) e Compostela, volve á súa terra para presentar o seu último poemario, Memoria do corpo, da man do Iescha. Será este venres, ás 20.30 horas, na casa da cultura de Vilalba

Xesús Rábade Paredes. HELENA VILLAR
photo_camera Xesús Rábade Paredes. HELENA VILLAR

En que vai consistir a presentación de Vilalba? Quen o acompañará?
Despois da inicial presentación de Memoria do corpo hai meses en Santiago, tiña o persoal compromiso de levar o meu libro preto da miña xente e das miñas paisaxes. Acolleume Vilalba, vila que moito andei e moito estimo, pois alí coñecín tamén a Helena, quen me acompaña hoxe no Paseo dos Soños. Ela estará comigo o día de autos, pois coñece os segredos da miña creación como ninguén. Tamén estará o poeta amigo Martiño Maseda, chairego de vontade e intelixencia e case meu veciño.

Que é Memoria do corpo?
É ese libro necesario que a certa altura todo creador debe escribir. É una memoria vital que se prolonga e te prolonga, como a terra primeira á que te abres; o sentimento amoroso primeirizo; a comuñón no amor definitivo; a experiencia moi triste da desaparición dos teus que te acompañan; o enigma da existencia, encarado con naturalidade e distancia dramática; a relatividade aplicada aos poetas pagados de si mesmos, e en fin, un axuste de contas coa túa propia vida, que é en parte a dos demais.

Tiña o persoal compromiso de levar o meu libro preto da miña xente e das miñas paisaxes

Que lle gustaría que atopase o lector nos seus versos?
Esa emoción ao unísono que eu como autor (tamén como persoa) tentei comunicar.

Toca moitos paus literarios, hai algún polo que teña predilección?
Toda a miña produción literaria, poesía, novela, ensaio, estudos literarios, traducións… leva a marca, o estilo persoal, e atense a un sistema de interrelacións non buscadas, mais que son evidentes. Só hai cambio nos rexistros e nas esixencias formais de cada xénero.

Colaborou en moitas obras colectivas, máis dunha ducia delas coa súa muller. Que marca a diferenza entre escribir só ou acompañado?
A colaboración literaria, en nós habitual, non nos supuxo maior inconveniente no plano persoal. Cousa distinta é a recepción social, non de todo correcta cando o autor dobre é muller e home, e nisto Helena levaba, por desgraza, as de perder. Por iso ás veces practicamos o divorcio literario para diferenciar as voces e acreditar a individual valía.

Gustaríame que a xente atopase nos versos esa emoción ao unísono que eu como autor (tamén como persoa) tentei comunicar

A súa filla, María do Cebreiro, tamén é escritora. Ve posible ver os seus nomes xuntos na portada dun libro?
Todo se andará, se cadra. No meu libro anterior, Sobre ruínas, hai una carta-prólogo que introduce o poemario e ela dirixe ao ‘pai’. Un primeiro ensaio de colaboración posible...

Que hai no caixón dos proxectos?
Ando organizando vellas e novas prosas, con paciencia, así como un posible libro de poemas sobre a fascinación que me produce o cósmico. Tamén breves ensaios sobre a situación social do noso idioma, cun futuro máis ben preocupante de continuaren como ata agora as cousas.

Sobre iso, hai unha década, noutra entrevista, dicía que non había problema na literatura galega, senón na lingua que a sustenta, un enfermo que semellaba ir a peor. Cal é a diagnose a día de hoxe?
Ao meu ver, o galego está ferido de morte, sen que os galegos tomen cartas no asunto. Un asunto que deberá importarlles sobre todos, pois quen perde a palabra perderá voz e voto. Unha palabra propia que ten máis de mil anos. O goberno galego (delegado) sabe moi ben que a situación da lingua é precaria, moi grave, e non toma medidas eficaces. A fin de contas, os galegos vótano. E quen debera percibir a gravidade, a xente, ou non lle importa o asunto ou actúa de cómplice do perfecto desastre. A conclusión é clara: ou a sociedade toma en serio o que debe importarlle e exerce o autogoberno ou a saúde do idioma ten os anos contados.

Non me gustaba, e non me gusta, a pouco menos que inútil instrución que a xente nova recibe hoxe nas aulas 

Compaxinou a docencia coa faceta literaria, bota de menos as aulas?
Levo uns anos prexubilado do ensino, con mentes de me dedicar máis intensamente ao oficio da escritura, que foi sempre superior paixón en min. Non me gustaba, e non me gusta, a pouco menos que inútil instrución que a xente nova recibe hoxe nas aulas. Practicamente nada de humanismo e case nada de formación na crítica, por non falar de creatividade. Dá a impresión de que o capitalismo salvaxe que move o mundo como nunca só ten este obxectivo: deseñar una boa educación para unha minoría dirixente e adestrar man de obra barata, sen cualificación, para o resto. Coido que as clases media e baixa deben espabilar.

Publicou por primeira vez en 1969. Cales son os principais cambios que ve no sector editorial de entón a hoxe? Que evolución tivo?
Como consecuencia do anteriormente dito, o sector editorial sofre igual desprotección das institucións públicas que o sistema educativo. O libro galego deixou de protexerse e de promocionarse de tal modo que imos retrocedendo cara ao ano 1969 que me cita.

A comarca chairega conta cun bo número de escritores de longa traxectoria, hai relevo xeracional?
A Terra Chá sempre terá relevo xeracional de poetas, como todas as terras, se houbo detrás ese humus que o nutre, e neste caso existe. As xeracións do seminario de Mondoñedo e dos anos 50 proxectan aínda luz. Non cito voces novas, por se se me esquece algunha, pero agroman vizosas neste vento.

O asunto da memoria histórica pecharase canso se recoñeza que hai asesinados que aínda non atopan a sepultura digna nin o encontro cos seus

Participa en actos a prol da memoria histórica, que pasos son necesarios para pechar esa ferida?
Si participo en actos sobre a memoria histórica, pois nunca quixen ser desmemoriado. Este asunto pecharase cando se recoñeza que hai asasinados que aínda non atopan a sepultura digna nin o encontro cos seus. E xa non falo dos caídos na guerra, senón dos paseados por comandos fascistas na propia retagarda.

Recibiu numerosas homenaxes e premios, hai algunha distinción que sexa máis significativa?
Emocionoume especialmente a homenaxe de Xermolos nos seus Encontros na Terra Chá, coa publicación do libro Labras do oficio (Xesús Rábade Paredes ante 33 miradas), no que colabora a Irmandade Manuel María. Tamén levarei sempre no recordo a dedicatoria do oitavo Hectómetro no Paseo dos Soños, na compaña de Helena. En fin, son moitos os recoñecementos, todos agradecidos, como os premios de novela Álvaro Cunqueiro e Blanco Amor.

"Cando tiña dez ou doce anos, as irmás levábanme aos bailes nas casas dos veciños"

Que queda en Xesús Rábade Paredes daquel neno de Seixas?
Quen mellor pode coidar de nós é o neno (ou nena) que todos levamos dentro. O que sucede é que non se cultiva e hai quen se esquece del.
Seica era o que animaba as foliadas...
Seica cantaba ben e aprendía as cancións doadamente. Cando tiña dez ou doce anos, despois de traballar, as irmás levábanme aos bailes que nas noites de inverno se facían nas casas dos veciños onde había xente nova. Eu era animador ou vocalista.
Traballou de carteiro e comezou a relación coa súa muller Helena vía postal. Débelle gratitude ao servizo de correos?
Axudei a meu pai algúns veráns no reparto do correo, e algo moceei. Con Helena non deu tempo a cartearse, pois casamos aos dous meses de atopármonos. Si temos un intenso intercambio epistolar xa de recén casados, cando ela traballaba en Ferrol e eu en Santiago.
Quen ou que o inspira para escribir?
No oficio da escritura motiva a propia vida, como en todo. Só hai que ter predisposición e, por suposto, aptitudes.
A barba é case un sinal identidade para vostede, por que a  afeitaría?
É para min unha especie de identidade física, desde que a deixei acaso por foder ao tirano e secuaces. Afeiteina unha vez, sendo os nenos pequenos, e non me coñecían… Con que aí segue.
Un libro?
Follas Novas, de Rosalía de Castro.
Un autor?
Federico García Lorca.
Unha viaxe?
Grecia, con Helena e os nenos.
Unha peza musical?
Concerto nº 21 para piano en mi maior, de Mozart.
Unha palabra?
Señardade. Consagrouna definitivamente para todos o chairego Aquilino Iglesia Alvariño.
Segue a labrar bastóns e a exercer de labrego?
Labrar bastóns e cultivar o horteiro é una especie de descanso para min despois da escrita.
Cal considera que é a súa mellor obra?
En novela, Branca de Loboso, e en poesía, Memoria do corpo.

Comentarios