Festival de Pardiñas pechaba o pasado domingo o seu amplo programa de actos, que incluíu máis dunha decena de propostas culturais e sociais desenvolvidas en "paisaxes espaciais" de Guitiriz, cunha dobre parada en dúas das parroquias polas que pasa o Camiño Norte, O Vilar e Santa Locaia, para pór en valor esta ruta.
No adro do Vilar —pola parroquia pasa a nova variante do Camiño Norte—, o coordinador de Xermolos, Alfonso Blanco animou os veciños a "tomar conciencia" da importancia que ten. "Os camiños son para coñecernos, para comunicarnos nós cos peregrinos, porque a eles mólalles falar coa xente e que lles expliquemos a nosa historia e os nosos produtos", dixo. E como exemplo, os tres peregrinos que estaban entre o público, dous valencianos e unha inglesa, que fixeron una parada na Modia, onde en breve abrirá un albergue.
O grupo Sons de Aldea animou o acto no Vilar e volveu tocar pola tarde en Santa Locaia, onde a casa de Xavier Valera acolleu a presentación de "Lendas do peregrino", un libro editado por Xermolos que recolle máis de media ducia de cómics, ilustrados con diferentes estilos e inspirados en distintas lendas do Camiño Francés, desde Roncesvalles ata Santiago.
As lendas de Fonte Reniega ou Paso Honroso, o milagre do Cebreiro ou o achado do sepulcro son algunhas dos relatos que inspiraron a Xavier Varela, que tamén quixo incluir o do Cabaleiro das Vieiras de Vigo. A obra publícase en galego, pero o autor xa ten lista as traducións a castelán, inglés, francés e alemán. Ademais, traballar nunha nova obra inspirada nas lendas do Camiño Norte, que pasa ao carón da súa casa.
BALANCE
O coordinador de Xermolos aproveitou este último día para facer un "positivo" balance da reformulación do festival, obrigada pola pandemia e pola que xa se interesaron doutros colectivos ou concellos. Alfonso Blanco salientou que foi posible grazas ao apoio do Concello, da Deputación e do gran labor dos voluntarios de Xermolos que "pese a situación, dedicaron o seu tempo e a súa cabeza a deseñar e facer posible este programa".
"Cremos que coas artes e coa música acadamos máis saúde", precisou tamén ao tempo que destacou que esta convocatoria atípica serviu para "tomar máis conciencia da enerxía dos nosos antepasados, das nosas raíces e do noso patrimonio", grazas aos actos desenvolvidos en Roca, no San Alberte, en Pardiñas, na Santa Mariña en Parga, en Guitiriz, no Vilar e en Santa Locaia.