Xermolos nomea Chairego de Honra a Iago Santalla, un "xigante" ilimitado

Numerosos amigos e familiares arrouparon ao educador social nun emotivo acto en Vilalba
Raúl Galego entrega a Iago o diploma de Chairego de Honra. M. MANCEBO
photo_camera Raúl Galego entrega a Iago o diploma de Chairego de Honra. M. MANCEBO

"Un auténtico líder"; "un supervivinte do día a día"; "un home intelixente, traballador, disciplinado e comprometido"; "un referente". Estes foron só algúns dos calificativos que onte lle brindaron a Iago Pérez Santalla no transcurso do acto de entrega do título de Chairego de Honra, unha homenaxe que Xermolos e a Irmandade Manuel María decidiron outorgalle este ano a este educador social, natural de Portomarín.

O salón de actos da casa da cultura de Vilalba encheuse de familiares e amigos, que alabaron "a súa enerxía infinita", tal e como a definiu Alfonso Blanco Torrado, quen recoñeceu ter aprendido moitas cousas del, un home que logra "xuntar as constelacións grazas a esa enerxía que ten", abundou o párroco.

Na mesma liña se pronunciou Xulio Cuba, quen quixo homenaxear ao seu "benquerido amigo Iago" recitando unha cantiga de amigo escrita por Álvaro Cunqueiro, trala que confirmou que o novo Chairego de Honra "é a representación da loita contra a adversidade". Manuel Rivero, compañeiro en conferencias, xornadas internacionais de "coaching", docencias e coloquios, definiu o seu percorrido xuntos como "marabilloso", destacando de Iago que "a ética é a súa bandeira" e "o respecto a túa misión".

O gaiteiro Raúl Galego, que animou coa súa música o acto, foi o encargado de entregarlle o diploma como predecesor do título

Un dos momentos máis emotivos do acto, que estivo presentado por David Otero e contou coa animación musical do gaiteiro Raúl Galego, foi durante a intervención de Ricardo Pérez Santalla, quen ademais de lembrar trasnadas de nenos, mostrou a súa profunda admiración polo seu irmán "pola súa capacidade de traballo".

"Estou orgulloso como irmán por todo o que conseguiches. E non teño dúbidas de que vas estar á altura deste recollecemento por que o teu amor pola vida, a cultura e a terra é ilimitado", sentenciou Ricardo. Xulio Xiz afirmou que "cada vez que vexo a Iago, vexo un xigante" e cada vez que "leo a Iago, leo un sabio", recoñecendo que pensar nel faille saír "unha bágoa non de tristeza, senón de gozo por comprobar o ilímite dunha persoa" cando supera todas as barreiras que a vida lle pon diante.

Baldomero Iglesias, Mero, tamén destacou de Iago a súa capacidade para "prohibir renderse" e para ser "capaz de destruir calquera muro". "El sabe mellor ca ninguén o valor da independencia. Séntese ceibe máis aló de calquera parálise cerebral", indicou o amigo, quen o animou a seguir descubrindo "canda nós a nosa matria, porque ser chairego é un sentir antes que nada". Iago, quen recibiu de mans de Raúl Galego o diploma de Chairego de Honra, agradeceu o cariño de todos os presentes, aos que definiu como "os meus referentes". "En vós e só en vós isto cobra sentido", dixo.

"Ao recoller este agasallo quero lembrar a todas e todos os que me precederon nesta honra, en especial ao Fiz Vergara, por quen teño predilección", afirmou o novo Chairego de Honra, quen tamén quixo facerlle un guiño á familia "porque por ela son o que son". "Agora tócame demostrar que non vos equivocastes, agardo estar á altura", concluíu entre aplausos.

Comentarios