Xermade acondicionará a vella escola da Casavella

O Concello tamén proxecta renovar o parque infantil e preparar unha pista polideportiva xunto ao colexio e o pavillón
Escuela de A Casavella. C.PÉREZ
photo_camera Escola da Casavella.

O Concello de Xermade reserva unha partida do plan único da Deputación Provincial de Lugo do ano 2020 para realizar diversas melloras na antiga escola da Casavella, na parroquia de Cazás.

O alcalde, Roberto García, concretou que se destinan ao redor de 20.000 euros a labores de acondicionamento encamiñadas a mellorar a seguridade do inmoble. Así, unha das principais actuacións será renovar o piso de madeira, así como as escaleiras e o pasamanos destas, adaptándoo todo á normativa de seguridade vixente.

A intervención completarase coa substitución do falso teito, tamén de madeira, e o pintado das paredes do piso superior.

O inmoble era usado con regularidade polos veciños e a propia administración local para celebrar cursos e outras actividades antes de que estas tivesen que suspenderse pola pandemia, do mesmo xeito que a outra antiga escola de Cazás.

Os proxectos, financiados co plan único de 2020 polo Concello de Xermade, inclúen outras actuacións de carácter social e a mellora de equipamentos municipais. Unha destas obras supón a mellora das naves do campo da feira de Momán, utilizadas polas asociacións veciñais para organizar diversas celebracións. A actuación centrarase en acondicionar o chan, cun investimento de máis de 10.000 euros

ZONA DE LECER. O rexedor municipal precisou que tamén se apostou pola infancia, con dous proxectos previstos na contorna do Ceip de Xermade. Así, avanzou que se reservan 10.000 euros para acometer a renovación integral do parque infantil do núcleo xermadés, cuxos xogos están moi deteriorados, habilitando un novo peche perimetral e varios elementos aptos para diferentes idades.

Ademais, destínase unha partida de máis de 30.000 euros a acondicionar unha pista polideportiva xunto ao colexio. Roberto García concretou que se aglomerará e acondicionarase unha parcela situada na parte posterior do pavillón municipal, "para que poidan xogar e facer uso dela vos nenos do colexio", precisou.

Comentarios