Xermade acolle un campo de traballo arqueolóxico na Casa da Neveira

Once mozos, procedentes de España, México, Rusia e Italia, realizarán diferentes actuacións neste xacemento medieval

2019071118520669433
photo_camera Participantes no campo de traballo Casa da Neveira de Lousada, en Xermade. M. MANCEBO

O campo de traballo arqueolóxico Casa da Neveira iniciou este mércores a súa quinta edición coa participación de once mozos procedentes de distintos puntos de España, México, Rusia e Italia, que ao longo de dez días realizarán diferentes actuacións neste xacemento medieval da parroquia xermadesa de Lousada.

"A nivel arqueolóxico, centrarémonos na retirada do aluvión que destruíu parte da neveira", explica o director do campo, Israel Picón, da firma A Citania Restauración, que un ano máis se encargará de coordinar os traballos, que ademais estarán supervisados por outros dous arqueólogos e tres monitores.

Os mozos que participan nesta iniciativa, e que teñen idades comprendidas entre os 18 e os 26 anos, tratarán de consolidar tamén "a unidade estratigráfica número seis do xacemento", ou o que é o mesmo, "o muro leste máis grande", indica Picón.

"Este ano entre os participantes non hai ningún que estude arqueoloxía nin restauración, o que fai que sexa máis enriquecedor, xa que ninguén ten coñecementos previos do ramo", engade o director do campo de traballo, avanzando que os mozos poderán asistir tamén a outras actividades "novidosas".

Así, ademais de desprazarse todos os días ata o xacemento, terán a posibilidade de realizar unha yincana de orientación e rastrexo e participar nun taller de talla de madeira co torneiro local Vicente Ledo.

O programa deste campo de traballo, que se realiza a través da Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Política Social, inclúe ademais unha tarde na praia do lago das Pontes, unha ruta polo Batán de Folgoso e varias excursións ás Catedrais, a Lugo, ao Castro de Viladonga ou ás Fragas do Eume.

Comentarios