Xerardo Quintiá gaña ou XLVI Premio de Poesía do certame literario vilalbés

O xurado elixiu por unanimidade, entre os 93 traballos presentados, o poemario 'Obra inacabada de Dosinda Christensen' do autor de Friol, que obtén un galardón de 7.000 euros
Xerardo Quintiá. PONTE (AEP)
photo_camera Xerardo Quintiá. Ponche (AEP)

O escritor Xerardo Quintiá, natural de Friol e afincado en Lugo, acaba de converterse no gañador do XLVI Premio de Poesía do Certame Literario de Vilalba co traballo Obra inacabada de Dosinda Christensen.

O xurado elixiu este poemario entre os 93 traballos que se presentaron á convocatoria deste ano, unha cifra que bate récords no concurso literario vilalbés e que triplicou a participación con respecto ás últimas edicións -as cifras máis altas rondaban os 50-, aínda que finalmente excluíronse sete por non cumprir as bases do mesmo.

O premio do certame literario, dotado cun galardón de 7.000 euros en metálico, flor natural e diploma, inclúe a publicación da obra, como todas as gañadoras anteriores, a través da editorial Alvarellos.

"Gañar o certame de poesía de Vilalba é unha ledicia enorme para min porque é o decano dos concursos de poesía de Galicia, é o que máis tempo se leva convocando", resaltou o autor do poemario gañador, en referencia a un certame que comezou a súa andaina no ano 1975.

A maiores, destacou Xerardo Quintiá, o certame vilalbés ten, ademais de renome, outros beneficios, xa que "é o que máis contía económica ten na dotación do premio" e garante que a obra "vai saír editada nunha colección moi ben coidada e ben distribuída por parte de Alvarellos Editora".

"Son tempos moi complexos para publicar, xa antes do tema pandemia non era doado, a literatura galega está como está, e agora é moito máis complicado aínda, e poder facelo a través dun premio como o do Concello de Vilalba é unha ledicia enorme e creo que me servirá para abrir moitas portas", valorou o autor da obra gañadora.

O poemario Obra inacabada de Dosinda Christensen, presentado baixo o lema Árbore ou ceo, significou toda !unha ruptura" para o autor coa súa traxectoria poética anterior.

"Neste libro creo unha heterónima para falar a través dela cunha voz completamente distinta e cun ton distinto do que fixera anteriormente, sobre todo na triloxía de Fornelos & Fornelos". "En certa medida, foi un salto ao baleiro porque desprenderte de aquelo que sabes que funciona e intentar crear un discurso a través de fórmulas novas que descoñeces, sempre é un risco e realmente non sabes como vai resultar", expresou Quintiá, que convenceu ao xurado e conseguiu estrearse neste certame pola porta grande, xa que este ano era a primeira vez que participaba.

"Resultou ben porque ademais había unha convocatoria moi elevada de traballos, e con tantos participantes e co nivel de poesía que hai en Galicia, que hai un nivel altísimo, foi elixida por unanimidade", conclúe o autor.

O xurado, que firmou a acta onte no consistorio de Vilalba, estivo formado por Darío Villanueva, da RAG; o catedrático de historia chairego, Ramón Villares, o comunicador Fidel Fernán Vello e o xornalista Xulio Xiz.

Comentarios