Xabier Paz: "Son gandeiro porque me naceu, sen ter referencias na miña familia"

Nacín na parroquia vilalbesa de Goiriz en 1998. Dende os 18 anos xestiono a Finca Enxebreza, que se atopa en Vilapedre, e a través da cal, e coa colaboración de Docavil, promoverei este sábado, día 2, a primeira Rapa das Bestas
Xabier Paz cun dos exemplares da Finca Enxebreza. EP
photo_camera Xabier Paz cun dos exemplares da Finca Enxebreza. EP

Como xurdiu a idea de promover a primeira Rapa das Bestas en Vilapedre?
Dende que montei a gandería Finca Enxebreza facíao de maneira privada. O ano pasado xuntámonos sobre 40 e pico persoas, entre amigos e familia, e pensei na posibilidade de facela pública. Para iso busquei a colaboración de Docavil, a asociación de cabaleiros de Vilalba.

Que ofrecerán no programa?
Eles xa promovían unha ruta anual, que será a actividade coa que se iniciará a xornada deste sábado, sobre as 9.30 horas. Ás 11.00 comezará a rapa tradicional con 300 eguas. A continuación, haberá unha sesión vermú e unha comida campestre. E, pola tarde, serán as carreiras de andadura libre nas que contaremos con arredor de 70 animais. Os mellores levarán premio e a xornada rematará con máis música.

A cita chega para quedar?
Esa é a idea. Facer unha rapa anual.

De onde lle vén a súa vinculación co tema do gando. Tiñan explotación na casa?
Non. Meus pais dedicáronse a outros sectores. Si había vacas na casa do meu avó, como en calquera do rural galego, pero non tiven moito vínculo. Pola semana estudaba e nas fins de semana adestraba ou competía na hípica. Así que foi algo que me naceu porque sempre me gustou. Ao final a filosofía que eu adoptei é a que quixen, porque non tiven referencias nin un camiño marcado. Escollín facelo en ecolóxico, extensivo e con razas autóctonas, porque non tiña coma outros gandeiros unha nave de 200.000 euros con vacas de leite que tiña que manter.

En que ano se incorporou? Que facía xusto antes? 
Empecei a carreira de Administración e Dirección de Empresas (Ade), pero deixeina porque non me gustaba. Funme para Alemaña a traballar de xinete, xa que dende neno montei a cabalo e competín a bo nivel en Galicia e España. E xusto ese ano, en 2017, con 18 anos recén cumpridos, chegou a oportunidade de alugar esta finca privada en Vilapedre, que é a máis grande de Galicia, e de incorporarme. Así que decidín formarme cun ciclo superior de gandería e asistencia en sanidade animal e empecei a traballar. O primeiro ano só con cabalos, en 2018 xa incorporei as vacas.

Con cantas cabezas conta na actualidade?
Teño sobre 200 eguas, a maioría de pura raza galega, e 150 cachenas e outras tantas da raza salers, que son orixinarias de Francia pero adáptanse moi ben.

Agora ten 23 anos, pero empezou moi novo. Á xente chámalle aínda a atención que dirixa unha explotación tan grande?
Si, ao principio sorprende. Aínda hoxe pido algunha cousa e ás veces dinme que queren falar co meu pai (ri).

É un traballo escravo como din?
É un traballo de todos os días. Non hai moitas vacacións, pero se che gusta vaise levando. Axúdanme amigos aos traballos máis fortes e eu a eles, e no tema da maquinaria teño a un tío que lle gusta e se lle dá moi ben.