Vilalba

E vós, como retratariades o Nadal?

O Concello organiza un concurso de fotografía sobre estas datas ao que se pode concorrer ata o día 31
Alumeado de Nadal en Vilalba. C.PÉREZ
photo_camera Alumeado de Nadal en Vilalba. C.PÉREZ

Que é para cada quen o Nadal? Sería posible plasmalo nunha imaxe? Estas son as premisas das que parte o primeiro concurso de fotografía Nadal en Vilalba, que convoca a concellería de cultura e cuxo prazo de presentación de instantáneas estará aberto ata a medianoite do día 31.

A idea é representar "a través desta modalidade artística o significado do Nadal: familia, amizade, fogar, soidade, compaña, agasallos, símbolos, paisaxes, pobo, pertenza, lugares...".

As fotos deben enviarse ao correo [email protected]. O nome do arquivo será o título da imaxe e nun documento adxunto deben figurar os datos persoais do autor ou autora e unha breve explicación da obra. O único requisito para participar é ser maior de 18 anos.

Cada participante pode concorrer cun máximo de dúas fotos, que terán que ser remitidas en dous correos electrónicos diferentes, cada un deles cos arquivos correspondentes. O 6 de xaneiro de 2020 faranse públicos os nomes dos gañadores —os premios son acumulables— nas redes sociais e na web do Concello de Vilalba.

As persoas interesadas en obter máis información sobre o certame poden consultar as bases do mesmo, que están dispoñibles nas redes sociais e na web municipal vilalbesa.

Este novo concurso de fotografía enmárcase dentro da programación de Nadal de Vilalba, que inclúe ao redor dunha trintena de actos, con colaboracións co Iescha ou a Cruz Vermella. 

Premios: votación popular e xurado
O certame conta cunha única categoría, na que se diferencian dúas modalidades: votación popular e xurado.
Profesionais
O xurado estará formado por profesionais da fotografía, que valarorán a calidade, creativididade, orixinalidade e relación da foto coa temática do certame para conceder dous premios, un primeiro de 200 euros e un segundo de 150.
Redes sociais
O 1 de xaneiro colgaranse todas as fotos presentadas en Facebook e a que sume máis apoios ata a medioanoite do día 5 gañará 100 euros.

 

Comentarios