Volve ser potable a auga de Guitiriz

A análise levada a cabo este xoves "reflexa unha baixada moi importante na concentración de ferro na auga, alcanzando uns parámetros de 383 mg/l cando os niveis permitidos pola Consellería de Sanidade para o seu consumo están entre 0 e 600 mg/l"
La OCU quiere que sea obligatorio ofrecer agua del grifo gratis en los bares. EP
photo_camera A OCU quere que sexa obrigatorio ofrecer auga da billa gratis nos bares. EP

A auga da traída do núcleo urbano do municipio de Guitiriz volve ser potable, polo que se retirou a prohibición de consumo establecida hai unhas semanas polo alto nivel de ferro. 

A alcaldesa desta localidade, Marisol Morandeira, anunciou que a última analítica recibida indica que a auga do núcleo urbano de Guitiriz "volve ser potable", polo que se restablece o consumo normal de auga da traída.
 
A análise levada a cabo este xoves, 14 de novembro, polo laboratorio contratado polo Concello "reflexa unha baixada moi importante na concentración de ferro na auga, alcanzando uns parámetros de 383 mg/l cando os niveis permitidos pola Consellería de Sanidade para o seu consumo están entre 0 e 600 mg/l", informou o Consistorio nun comunicado. 

A rexedora explicou que o motivo desta baixada débese a unha "suma de factores" como son "a modificación dos filtros de ferro xa instalados para que funcionasen máis veces, o lavado tanto destes filtros como dos normais e a abundante choiva caída nestas últimas semanas que fixo que suba o nivel de auga do pantano, baixando así a concentración de ferro". 

MODERNIZACIÓN. Morandeira avanzou a intención do goberno local de estudar "a viabilidade de levar a cabo un proxecto de modernización da estación potabilizadora, automatizando a fase de tratamento da auga", xa que actualmente é manual e esixe un control continuo. 

"O Concello continúa a facer todo o posible para darlle unha solución definitiva ao problema", destaca o Consistorio. Así, recorda que recentemente finalizou a construción do bypass para que a auga non pase polo pantano, que pronto entrará en funcionamento e que se espera que contribúa "a eliminar dunha vez por todas este recorrente problema e poder ofrecer así aos veciños e veciñas de Guitiriz un servizo de auga de calidade durante todo o"ano , indicou a alcaldesa. 

Para rematar, Marisol Morandeira recordou que "os veciños e veciñas afectados pola prohibición do consumo da auga recibirán os descontos pertinentes na factura, para o que se indicará proximamente o procedemento correcto para xestionalo".

Comentarios