Un total de 20 persoas traballan no taller de emprego O Castro IV, posto en marcha conxuntamente polos municipios de Castroverde, Riotorto, Ribeira de Piquín, Pol e A Pastoriza. Todos eles fórmanse ao longo de nove meses na especialidade de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou este xoves o obradoiro na localidade de Riotorto, onde recordou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina preto de 300.000 euros a sufragar o custo deste taller de emprego dual.
Os alumnos limparán o monte comunal de Furís, en Castroverde, acondicionarán camiños en Ribeira de Piquín, Pol e Riotorto e, na Pastoriza, mellorala a ruta de Maeloc e a área recrativa de Baltar
Balseiro explicou que os alumnos obterán un certificado de profesionalidade que os cualifica para exercer a especialidade elixida, incidindo ademais en que, a maiores dos nove meses que dura o taller, poderán optar a un contrato nunha empresa da contorna de polo menos tres meses, subvencionado pola Xunta.
Os traballos previstos por estes 20 operarios son: actuacións no monte comunal de Furís (Castroverde); acondicionar a ruta de Maeloc, varios camiños e a área recreativa de Baltar (A Pastoriza); e limpar diversas vías en Pol, Riotorto e Ribeira de Piquín.
En total, a Xunta financia 20 obradoiros de emprego, con máis de 470 contratacións, na provincia de Lugo, que involucran a 50 concellos e supoñen un investimento de 5,5 millóns.